Acusan o goberno de Lugo de provocar a expulsión do país dun veciño estranxeiro

O grupo municipal denuncia unha "neglixencia administrativa" por parte da área de Servizos Sociais, que asegura, está "desbordada"
Concello de Lugo. EP
photo_camera Concello de Lugo. EP

O grupo municipal do Partido Popular acusou ao "bigoberno" de Lugo, e en concreto á falta de dirección política para priorizar os asuntos que chegan ao departamento de servizos sociais, dunha "neglixencia administrativa" que provocou a orde de expulsión do país dun veciño da cidade con nacionalidade estranxeira.

Segundo informou o portavoz do grupo municipal do PP, Ramón Carballo, aos medios de comunicación, a "vítima" deste "abandono" por parte do goberno local de Lugo perdeu o seu permiso de residencia "porque o informe de arraigamento social que tiña que emitir o Concello de Lugo, nun prazo de tres meses, non foi realizado".

Ao seu xuízo, esta situación é consecuencia dunha "mala planificación e da falta dunha dirección política que priorice o traballo en Servizos Sociais".

Desde o seu punto de vista, as consecuencias desta neglixencia por parte do Concello de Lugo son moi graves, polo que esixe "responsabilidades políticas a PSOE e BNG", que "deben aclarar os motivos polos que non se fixo" a tramitación desa documentación "en tempo e forma".

"É imperdoable que un goberno que se proclama rotundamente progresista cometa erros deste calibre", polo que esixe ao goberno local que o Concello recoñeza "o seu erro e lle busque unha solución á persoa afectada, para que poida reverterse esta situación".

Ademais, aínda que recoñeceu que "faltan medios" e que o "persoal de Servizos Sociais está desbordado pola cantidade de casos e a crecente burocracia", tamén pide que algo así “non se repita”. 

Comentarios