Un dos acusados négase a asistir ao seu xuízo pola pelexa

O cerebro da rede de sextorsión estaba citado a declarar como testemuña pero non puido ao estar en Bonxe

Dous dos acusados de acoitelar a tres mozos o ano pasado ás portas dun pub do centro histórico da capital lucense aseguraron este luns durante o xuízo, que se está celebrando na Audiencia Provincial de Lugo, que os agredidos foron eles. Un terceiro procesado acolleuse ao seu dereito a non declarar. A este sinalárono dúas das vítimas e algunhss das testemuñas da sanguenta pelexa como o autor das puñaladas.

A primeira xornada da vista oral discorreu cunha situación inusual. O acusado que non declarou, Juan Carlos P.G., que se enfronta a unha solicitude de condena da Fiscalía de 18 anos de prisión en total por un homicidio en grao de tentativa e dous delitos de lesións, pretendía renunciar á súa avogada. Pero o tribunal non aceptou. O seu presidente precisou que na véspera xa lle advertiron de que non podía prescindir da súa letrada "dun día para outro". O procesado dixo entón que quería abandonar a sala. Os maxistrados accederon. O xuízo continúa sen el -permanece esposado noutra sala porque está en prisión- e coa avogada exercendo a súa defensa.

A brutal pelexa tivo lugar na madrugada do 18 de xuño de 2017. Os irmáns Pablo David e Santiago Ariel G.C., de nacionalidade arxentina, que afrontan unha petición de 18 e 14 anos de prisión, respectivamente, acudiron a un pub do centro histórico, tras asistir ao concerto de rap que ofreceu este último nun local de Mariña Española. Uníuselles Juan Carlos P.G., co que se atoparon na Praza do Campo.

Cando estaban no pub, o encargado pediulles aos irmáns que se marchasen porque estaban a molestar a outros clientes. Aí iniciouse un lixeiro forcejeo. Os mozos fóronse, pero, segundo o fiscal, regresaron ao intre "armados con coitelos de cociña".

VIDA EN PERIGO. Entón orixinouse unha liorta ás portas do local. A peor parte levouna unha moza, cuxa vida correu perigo porque recibiu unha ferida no costado, á altura da axila. Os seus amigos levárona á cadeira da raíña ata a Rolda da Muralla para que a evacuase unha ambulancia ao Hula.

Esta moza dixo que cría que fora Juan Carlos P.G. quen a acoitelou porque cando estaba a intentar frealo para que non agredise a un amigo seu sentiu "un forte golpe no pulmón".

"Pensei que o ían a matar. Estaban a darlle patadas por todos lados cando estaba no chan. Metinme no medio para que non lle desen na cabeza", dixo a moza, que esa noite saíra de copas cos seus compañeiros de traballo, tras celebrar unha cea de empresa.

O seu amigo asegurou que intentou desarmar a un mozo que ía coa man levantada empuñando un coitelo. "Non podo recoñecelo. Pero vin que ía apuñalar a alguén, non sei a quen", declarou.

A terceira vítima identificou taxativamente a Juan Carlos P.G. Dixo que viu como lle asestaba un corte na man ao seu amigo cando intentaba desarmalo e que a el, cando intercedeu, cravoulle o coitelo no ombreiro e partiuse. Afirmou que non viu en cambio quen apuñalou á moza.

Dos outros dous acusados tanto vítimas como testemuñas aseguraron que golpearon a clientes, pero non que acoitelasen a alguén. Pablo David G.C. recoñeceu que esgrimiu a "navalliña" que usaba para preparar os porros para que non lle acurralasen.

Cando os acusados fuxiron do lugar, un grupo de mozos perseguiu a Pablo David G.C., que acabou semiinconsciente tirado na rúa, ás portas doutro pub, no medio dun charco de sangue cunha brecha na cabeza.

Durante esa segunda refrega, unha moza que tamén senta no banco dos acusados por un delito de lesións -afronta tres anos de prisión-, produciulle un profundo corte no brazo cun vaso roto a un empregado destoutro pub que mediou para que non agredisen a Pablo David G.C. A procesada abonoulle onte 1.000 euros a esta vítima e pagaralle outros 2.000 a prazos en 20 meses.

Un das testemuñas que estaba citado a declarar onte, na primeira xornada do xuízo por esta liorta, era o xefe da rede de sextorsión desarticulada a semana pasada en Lugo, E.F.M., de nacionalidade arxentina. Non puido asistir porque está recluído na prisión de Bonxe. A súa comparecencia debíase a que un dos empregados do pub no que traballaba como porteiro recibiu un corte nun brazo ao intentar mediar nunha rifa posterior.

O cerebro da rede de 'sextorsión' estaba citado a declarar como testemuña
Unha das testemuñas que estaba citado a declarar onte, na primeira xornada do xuízo por esta liorta, era o xefe da rede de sextorsión desarticulada a semana pasada en Lugo, E.F.M., de nacionalidade arxentina. Non puido asistir porque está recluído na prisión de Bonxe. A súa comparecencia debíase a que un dos empregados do pub no que traballaba como porteiro recibiu un corte nun brazo ao intentar mediar nunha rifa posterior.

 

Comentarios