Viernes. 19.04.2019 |
El tiempo
Viernes. 19.04.2019
El tiempo

Unha acusada de ferir ao seu bebé négao e di que "chegou así" tras ver ao pai

Punto de encontro, onde se fixo o intercambio entre os pais. AEP
Punto de encontro, onde se fixo o intercambio entre os pais. AEP

A Fiscalía centra as súas sospeitas unicamente na moza e pídelle un ano de cárcere por lesionar á nena co "fin de acusar o proxenitor e que lle retirasen o dereito de visitas" á menor

A nai acusada de causarlle diversas feridas ao seu bebé de seis meses asegurou este venres ante a xuíza do Penal número 1 de Lugo que ela non lle ocasionou as lesións á menor e que a pequena "chegou así" logo de pasar unhas horas co seu proxenitor. O pai, pola súa banda, declarou que entregou á nena no punto de encontro "en perfecto estado".

A Fiscalía considera que hai probas suficientes para concluír que a proxenitora, de 20 anos, lesionou á nena "co obxectivo de dirixir todas as sospeitas da agresión cara ao pai da menor, a fin de privarlle de todo dereito de visitas cara á súa filla". O ministerio público acusa á moza dun delito de lesións no ámbito familiar e outro delito de acusación ou denuncia falsa, polos que solicita un ano de cárcere, dous anos de afastamento e 1.728 euros de multa.

O ministerio fiscal centra todas as sospeitas na nai do bebé e exculpa ao pai, pero a moza exerce a acusación particular contra a súa expareja, xa que mantén que foi o autor das lesións, polo que solicita para el un ano de cárcere.

Segundo explicou a parella no xuízo, as desavinzas entre eles comezaron ao pouco tempo de nacer a nena. Os mozos separáronse e acordaron que a nai tivese a garda e custodia da menor, cun réxime de visitas a favor do pai. Con todo, tras a primeira visita do proxenitor, a moza denunciouno por violencia de xénero e o xulgado acordou que os intercambios do bebé levarían a cabo no punto de encontro da Xunta.

O médico e a forense explicaron que o bebé tiña 'unha rede' de feridas erosivas nas costas 'intencionadas e visibles'

"Cando visitei por primeira vez á nena xa me denunciou por malos tratos (un delito do que foi absolto) e despois empezou a queixarse de todo no punto de encontro. Dicía que non lle dabamos para comer á nena e cousas así, polo que o meu avogado recomendounos que, para evitar problemas, eu nunca me quedase a soas coa miña filla e que sempre estivese presente alguén alleo á familia".

Seguindo as indicacións do seu letrado, o 28 de outubro de 2015, o mozo recolleu ao bebé no punto de encontro acompañado pola súa nai e fóronse a casa. "Pedinlle a un amigo que viñese e estivemos os tres coa nena todo o tempo. Fixemos fotos e vídeos para que se vise que a nena merendaba ben e que estaba contenta e xogando. Despois, sobre as sete e media, levámola os tres de novo ao momento de encontro. A nena ía en perfecto estado e eu non quedei só con ela en ningún momento", dixo.

DENUNCIA. Tras a entrega nas instalacións da Xunta, a menor regresou coa súa nai. "Cando recollín á nena", explicou a moza, "parecía que chorara moito. Eu fun a unha cafetería para darlle o biberón e cambieille o cueiro. Despois collín o bus para ir a casa, onde estaban a miña nai e a miña irmá. Cando cheguei prepareille o baño e senteina na bañeira. Foi entón cando lle vin feridas nas costas". A acusada contou que avisou á súa nai e decidiron chamar ao seu avogado e levar á menor ao médico.

A nai acusou o pai de malos tratos, pero foi absolto e finalmente un xuíz concedeulle a tutela da nena, que segue con el

Durante a vista oral, a doutora que atendeu ao bebé explicou que tiña "unha rede de feridas en diagonal, cara a un lado e cara a outro". Na súa opinión, era "imposible" que a menor se houbese autolesionado rabuñándose e sinalou que "parecían intencionadas". A forense, que viu á nena ao día seguinte, sacou as mesmas conclusións. "Eran lesións intencionadas, realizadas con algún instrumento que erosione a pel. Eran recentes, moi visibles e evidentes". A preguntas dos letrados, o perito explicou que as feridas que presentaba o bebé poderían verse perfectamente ao cambiar o cueiro.

Tras o incidente, a nena foi trasladada a un centro tutelado ata que se pechou a investigación e o xulgado decidiu outorgarlle ao pai a tutela da menor, que actualmente ten tres anos e continúa vivindo con el.

Técnicos
"A nai ás veces está implicada e outras distante" 


Actualmente, a menor vive coa súa familia paterna e a nai ten dereito a vela no punto de encontro, sempre coa supervisión dalgún técnico. Segundo explicaron no xuízo, ás primeiras visitas só acudía a avoa. "Agora vén a nai, pero a súa actitude é cambiante. Ás veces móstrase implicada e outras totalmente distante", dixeron.

Situación actual
A acusada refixo a súa vida e actualmente ten outro fillo.

Unha acusada de ferir ao seu bebé négao e di que "chegou así" tras...