Acuigen apoia unha investigación para personalizar o tratamento do cancro

O estudo investiga o uso do peixe cebra como animal modelo para a análise de tumores

2019071614332999233
photo_camera Pablo Cabezas (centro), cos directores da súa tese e o tribunal que a avaliou. AEP

O grupo de investigación de Xenética para a Agricultura Acuigen, que coordina o catedrático de Xenética Paulino Martínez no campus lucense e que está integrado na agrupación estratéxica BioReDes, está inmerso nunha investigación que poderá supor unha especialización á hora de elixir o mellor tratamento para cada paciente con cancro.

Pablo Cabezas, investigador de Acuigen, é un dos responsables de que esta técnica estea cada vez máis cerca. O pasado mes de xuño leu a súa tese doutoral, na que se estudaba o uso do peixe cebra como animal modelo -empregado para modelizar enfermidades humanas- para estudar o cancro en pacientes concretos. A técnica empregada baséase no xenotrasplante, unha inxección de células humanas en embrións ou adultos dun organismo; neste caso, de células de cancro humano a embrións de peixe cebra.

O obxectivo final desta investigación é empregala en hospitais para crear tratamentos personalizados para os pacientes con cancro, segundo indica Cabezas. "Algúns oncólogos recetan quimioterápicos pero sen saber exactamente que tipo funciona mellor en cada paciente, porque cada un de nós temos diferenzas a nivel xenético. Isto implica a existencia de diferenzas individuais incluso entre os pacientes co mesmo tipo de cancro".

Desta forma, empregando os peixes cebra, "logo de obter a biopsia do paciente, inxéctanse estas células nos embrións destes peixes, e ao longo dunha semana poderiamos saber que quimioterápicos serían os máis ideais para ese paciente en función das súas propias células". Un nivel moi personalizado no tratamento desta enfermidade.

MÁIS BARATO. Este proceso, ademais, abarataría os custos en comparación cos que empregan ratos como animal modelo, que poden supor un importe de entre 10.000 e 15.000 euros.

Aínda que, en comparación co emprego de ratos, existen algunhas desvantaxes, como que carecen de órganos que teñen os humanos como pulmóns ou mamas; ou que o seu parecido xenético coa nosa especie é máis baixa que a dos ratos (75% fronte ao 85% dos roedores), Pablo Cabezas asegura que "en xeral, tanto a técnica como o modelo proporcionan máis vantaxes que inconvenientes".

O seguinte paso desta investigación será, entre outros, recrear mellor o microambiente humano -é dicir, as conxunto células que rodean o tumor- no que se desenvolverán as células tumorais inxectadas ao peixe cebra para afinar a procura do tratamento máis compatible co paciente. "Se inxectamos unhas células no peixe, e probamos certos quimioterápicos, podemos dicirlle ao oncólogo que funciona mellor. Pero desta forma estamos a perder variables do corpo humano, como o sistema inmune ou outro tipo de células que axudan ao tumor. Canto máis completo sexa o microambiente creado e saibamos todas as interaccións que hai a nivel molecular, máis precisión obteremos á hora de buscar o tratamento máis compatible para cada paciente", afirma Cabezas.

Comentarios