A acuicultura de rodaballo, linguado e berberecho avanza no campus

Dous grupos lucenses forman parte da rede Inmunogenom e teñen en marcha varios proxectos para mellorar as poboacións de especies produtivas e erradicar enfermidades

Rodaballo. AEP
photo_camera Rodaballo. AEP

A acuicultura moveu o ano pasado en Galicia 207,6 millóns de euros, o que significa un 20% máis que en 2009. O sector está a crecer e para fomentar o seu desenvolvemento creouse o ano pasado a Rede de Investigación e Transferencia en Acuicultura (Inmunogenom), que inclúe unha decena de grupos de investigación da Universidade de Santiago e que pretende favorecer o intercambio de coñecementos entre o mundo científico e o sector produtivo. Inmunogenom está coordinada polo catedrático Paulino Martínez, profesor do campus de Lugo, onde se desenvolven varios proxectos enfocados á produción de especies acuícolas, como o rodaballo, o linguado e o berberecho.

Acuigen, o grupo de investigación que dirixe o propio Paulino Martínez, participa no proxecto europeo Fishboost, que pretende "dar un salto na selección xenética na acuicultura de peixes europea utilizando as ferramentas xenéticas de última xeración, facendo o que se chama selección xenómica, fundamentalmente para resolver patoloxías", o problema máis importante da acuicultura, indica Martínez. A idea é "poder predicir se un individuo é sensible ou resistente a unha patoloxía utilizando información xenómica".

Fishboost ten un financiamento de máis de sete millóns de euros dentro da estratexia Horizonte 2020 da Comisión Europea. Os socios proceden de oito países e son 14 grupos de investigación en acuicultura, unha decena de empresas de distinto tamaño e unha organización non gobernamental. Estúdanse as seis especies principais de produción acuícola en Europa e Acuigen encárgase do rodaballo e da investigación da ciliatose, unha das súas principais patoloxías.

O proxecto finaliza no mes de xaneiro "e saíron cousas moi interesantes para aplicar á industria". De feito, está pendente de realizar un proxecto de transferencia tecnolóxica para desenvolver un chip de marcadores que permita incorporar gran parte da información obtida para facer unha selección máis eficiente do rodaballo. Tamén será útil para coñecer o grao de parentesco que hai entre individuos.

BERBERECHOS. En moluscos, Acuigen participa no proxecto Cockles -outro proxecto internacional cun financiamento do programa Interreg próxima aos catro millóns de euros-, que pretende a recuperación das poboacións de berberecho da área atlántica, así como a mellora da súa xestión con fins recreativos, produtivos e de sostemento dos ecosistemas. "A produción interésalle fundamentalmente a Galicia porque todo o berberecho que se produce en Europa impórtao a comunidade autónoma para a industria conserveira", indica Martínez.

Con todo, nalgúns bancos da comunidade galega, o berberecho está seriamente ameazado. En Lombos do Ulla, ao fondo da Ría de Arousa, a marteiliose, unha enfermidade causada por un parasito, destruíu a produción. "Extraer unhas 800 toneladas e pasou a 30 toneladas desde 2010", apunta o investigador do campus lucense.

No marco deste proxecto, desde Lugo están a levarse a cabo dúas liñas: por unha banda estudar a demografía e a estrutura xenética do berberecho en Galicia para propor orientacións na xestión do molusco e, doutra banda, en relación coa marteiliose, intentar desenvolver unha estirpe resistente a este parasito para que se poida sementar na ría e recuperar a produción.

Os investigadores tomaron mostras dos berberechos en Lombos do Ulla no mes de xullo e non estaban infectados. Volveron este mesmo mes e practicamente todos tiñan a enfermidade. En xaneiro farán o último control para ver se quedan sobreviventes. Cos datos que se van solicitando preténdese realizar unha ·análise xenética comparando individuos máis ou menos infectados ao longo do tempo e nos puntos de mostraxe para ver que marcadores xenéticos son os máis importantes en relación coa resistencia a este parasito".

O contaxio da marteiliose prodúcese, con toda probabilidade, a través das correntes, dado que o berberecho é unha especie peláxica e as súas larvas viaxan a través dos fluxos mariños. Iso explicaría por que aparece a enfermidade en Arousa e ao sur desta zona, pero non ao norte.

Paulino Martínez sinala a necesidade de que exista unha regulación da mobilidade dos berberechos, dado que, ao ser filtradores, o contaxio de enfermidades é moi fácil, polo que o furtivismo supón un gran risco.

Ademais do seu valor produtivo e comercial, o berberecho tamén ten un grande interese ambiental, xa que serve de alimento para aves e contribúe á fixación de carbono no sedimento contribuíndo, deste xeito, a reducir o efecto invernadoiro.

Comentarios