Achan restos humanos no claustro da catedral de Lugo

As sondaxes arqueolóxicas que se están desenvolvendo no templo permitiron o achado de varios muros de diversas épocas e unha necrópole
Román Rodríguez y Javier Ares visitaron la catedral en la mañana de este sábado. XUNTA
photo_camera Román Rodríguez e Javier Ares visitaron a catedral na mañá deste sábado. XUNTA

A Xunta realiza unha serie de sondaxes arqueolóxicas no claustro da catedral de Lugo, unha actuación que se iniciou o pasado mes de novembro e que está a piques de terminar tras descubrir varios muros romanos e medievais e unha necrópole de tumbas rectangulares.

Este sábado, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Ares, visitaron o templo, no que se realizan traballos para avaliar o sistema construtivo e a potencialidade arqueolóxica de face ás actuacións que están previstas no proxecto de restauración do claustro, que actualmente se atopa en fase de redacción, e no que a Administración autonómica investirá 500.000 euros en 2021.

Na visita, o conselleiro comprobou o estado das sondaxes que levan a cabo nunha superficie de 18 metros cadrados e que permiten constatar unha superposición de restos arqueolóxicos de diferentes épocas históricas, desde a romana ata a actualidade.

Concretamente, os traballos de campo, que están a piques de terminar, permitiron descubrir unha construción da época romana que apareceu no oeste do claustro e que parece continuar en ángulo recto en dirección norte. Así mesmo, constatouse a aparición duns muros que poderían formar parte do antigo claustro medieval da catedral.

Doutra banda, a Xunta destacou que as sondaxes tamén serven para documentar, por encima dos anteriores muros, unha necrópole de tumbas rectangulares. Neste punto, existe unha clara superposición deste tipo de enterramentos, algún dos cales aínda conservan restos de ósos humanos que se están estudando para pescudar a época á que pertencen.

BARROCO. O departamento autonómico sinalou tamén que a actuación está a permitir constatar traballos desenvolvidos durante a etapa barroca da catedral, como é o descubrimento da bancada de cimentación da sancristía, construída a finais do século XVII por Domingo de Andrade e tamén os muros de cimentación das tres pandas do claustro barroco (1705-1714). Toda estas obras romperon a secuencia estratigráfica das etapas anteriores, nas que, ademais, obsérvase o aproveitamento de elementos arquitectónicos da época medieval.

Durante a súa visita, Román Rodríguez puxo en valor o importante compromiso da Xunta de Galicia co patrimonio histórico, artístico e cultural de Galicia que, segundo indicou, reflíctese nos orzamentos presentados para 2021, que contemplan un incremento do 19% nos fondos destinado a conservación e rehabilitación.

Ademais, sinalou que o patrimonio lucense ocupará un lugar destacado e que, ao longo do próximo exercicio, ademais das actuacións previstas na catedral, o Goberno galego destinará máis dun millón de euros a actuacións vinculadas á muralla, entre outras.

Comentarios