Achacan un roubo a un caco habitual e o fiscal non ve proba

"O acusado estaba por alí, pero non hai máis indicios. Isto é unha acusación temeraria que carrexa gastos e molestias", resolveu

Un lucense con múltiples condenas de roubo ás súas costas, con iniciais J.P.F., sentou este martes de novo no banco dos acusados do Penal número 1 de Lugo por apoderarse supostamente de 696 euros, que se atopaban nunha caixa de caudais gardada nun despacho dun centro médico da capital. Con todo, nesta ocasión, o fiscal solicitou o sobresemento do caso, ao considerar que non hai ningunha proba en contra do acusado.

É máis, o ministerio público dirixiu unha dura alegación á acusación particular -exercida polo centro médico- que pediu a condena do home. "Isto é unha acusación temeraria", dixo o fiscal, "que impón ao acusado a pena de banco e que carrexa de forma innecesaria uns gastos xudiciais e unhas molestias a todas as persoas que teñen que acudir ao xuízo".

A acusación particular acusa ao home de cometer o roubo entre os días 5 e 7 de xaneiro de 2016. Segundo a súa versión, o acusado estivo no sanatorio e as cámaras de seguridade gravárono no corredor do servizo de Radioloxía. "Levaba unha mochila e un gorro e todo o mundo sabe que xa tivo máis acusacións e condenas por outros casos similares", dixo.

A defensa, pola súa banda, sinalou que o home estivo no hospital pero ninguén o viu accedendo a ningún despacho, polo que considera que non hai ningunha proba para determinar que foi o autor do roubo. O fiscal coincide co letrado defensor. "Non hai ningunha proba que sitúe ao investigado no interior do despacho no que se produciu o apoderamento do diñeiro. Só foi recollido polas cámaras á beira do ascensor e nun corredor, do cal non pode inducirse de ningún xeito a súa culpabilidade", dixo. O xuízo quedou visto para sentenza.