O acusado de agredir sexualmente a unha moza en Noitevella de 2019 acepta catro anos de cárcere

Ao cumprir a metade da condena será expulsado ao seu país de orixe
photo_camera O acusado chega á Audiencia. P.V.

O acusado de agredir sexualmente a unha menor que se atopaba baixo efectos do alcol o día de Ano Novo de 2020 nun garaxe apartado en Lugo recoñeceu os feitos e acepta unha condena de catro anos de cárcere.

A Audiencia de Lugo xulgaba este xoves ao acusado, que recoñeceu os feitos que se lle imputaban. A fiscal rebaixou a súa petición a 4 anos de cárcere e a defensa mostrou a súa conformidade.

Ao cumprir a metade da condena, o mozo será expulsado ao seu país, Colombia, e non poderá volver a España en 5 anos.

OS FEITOS. Segundo recolle o escrito de acusación do ministerio fiscal, que pedía inicialmente para o acusado nove anos de cárcere os feitos tiveron lugar sobre as 5.30 horas do 1 de xaneiro de 2020, cando o procesado, "aproveitándose o estado de intoxicación etílica e submisión química no que se atopaba a menor", á que atopara na vía pública nas inmediacións da praza Maior de Lugo, dirixiuna a un garaxe apartado da rúa Jacinto Calvo Senador, entre a Praza de Bretaña e San Roque.

Despois, "agarrouna polo pescozo" e tapoulle a boca" situándose encima dela "mentres lle quitaba a roupa e lle pegaba na cara. Ademais, comezou a tocarlle "os peitos e a vaxina" e a intentar "penetrala vaxinalmente", aínda que non logrou este último propósito. Nese momento, foi sorprendido un viandante que escoitou gritar á menor, que sufriu lesións a consecuencia dos feitos. 

O día 2 de xaneiro de 2020 acordouse prisión provisional para o procesado, situación que se mantiña, en virtude dun auto ditado polo xulgado de instrución 1 de Lugo. 

O ministerio fiscal demandaba nove anos de prisión para o acusado, ao que considera responsable dun delito de agresión sexual en grao de tentativa, así como que se lle prohiba achegarse á menor ou comunicarse con ela durante 10 anos. Tamén reclamaba que se impoña a medida de liberdade vixiada durante os 10 anos posteriores ao cumprimento da pena de cárcere.