Acepta dous anos por subtraer oito cazadoras e atacar unha empregada

A acusada e outra muller, que non acudiu ao xuízo, levaron as pezas e fuxiron do establecemento
Juzgados de Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Xulgados de Lugo. XESÚS PONTE

O xulgado do Penal número 2 de Lugo impuxo este mércores unha condena de dous anos de prisión a unha muller —con iniciais C.F.C.— acusada de subtraer varias pezas de roupa nun comercio da capital lucense e empuxar a dependenta, que a perseguiu pola rúa tras decatarse da subtracción. Esta acusada actuou xunto a outra colega, A.C.M., que se atopa en paradoiro descoñecido e este mércores non se presentou ao xuízo.

Segundo quedou recollido no escrito de acusación do ministerio fiscal, o 27 de outubro de 2016, as dúas mulleres e outra moza, menor de idade, acudiron a un establecemento comercial situado no centro histórico e apoderáronse de oito cazadoras, taxadas nun total de 449 euros.

Unha empregada da tenda deuse conta do sucedido e non dubidou en saír correndo detrás das presuntas ladroas. A afectada correu todo o que puido e finalmente alcanzounas na confluencia da rúa Montero Ríos coa Ronda da Muralla. Aínda así, as autoras do roubo non desistiron no intento e a acusada A.C.M. propinoulle un empuxón á dependenta no peito.

A dependenta saíu tras elas e perseguiunas pola rúa, pero tras alcanzalas golpeárona e fuxíronse

Acto seguido, as dúas mulleres e a menor déronse á fuga nunha furgoneta —que se atopaba estacionada preto dese lugar—, onde outras persoas estaban esperando por elas para fuxir tras cometer o roubo.

ANTECEDENTES. O ministerio fiscal acusou a C.F.C. e A.C.M. dun delito de roubo con violencia e intimidación e solicitou para elas penas de tres anos, e catro anos e medio de cárcere, respectivamente. Ademais, pediu que ambas indemnizasen a propietaria do establecemento na cantidade de 449 euros polas pezas que conseguiron levar e que non foron recuperadas.

As dúas mulleres xa tiñan antecedentes penais por outros delitos, como furto, atentado ou resistencia á autoridade. De feito, C.F.C. declarou este mércores mediante videoconferencia desde un centro penal madrileño, onde cumpre condena. Esta acusada recoñeceu os feitos e pactou unha redución de condena coa Fiscalía.

A súa colega atópase actualmente en paradoiro descoñecido e sobre ela pesa unha orde de procura e detención.