Lara Méndez: "Se Galicia sae prexudicada coa acción de Pedro Sánchez, o PSdeG dirao sen complexos"

A rexedora de Lugo volve ter responsabilidades na executiva galega do PSOE, esta vez como número dous. Cre que a súa experiencia de xestión da proximidade, como a doutros compañeiros, será útil para lograr que os galegos vexan o PSdeG como unha alternativa de goberno na Xunta
Lara Méndez, esta semana no despacho de alcaldía. SEBAS SENANDE
photo_camera Lara Méndez, esta semana no despacho de alcaldía. SEBAS SENANDE

Número dous do PSdeG, por que deu ese paso adiante?

Os que somos militantes somos comprometidos, en calquera momento estamos decididos a dar un paso adiante. Valentín [González Formoso] é unha persoa comprometida, con proxecto, con experiencia de xestión, coñecedora do municipalismo, desa xestión de proximidade que necesitamos levar aos órganos nacionais para ser alternativa real ao PP na Xunta. 

Foi unha das primeiras persoas que apostou por un cambio no PSdeG. Durante o mandato de Gonzalo Caballero, sentiu soidade ou interferencias? Ou as dúas cousas?

O que máis sentín foi a falta de conexión coa sociedade, máis alá das relacións persoais que poida ter cada quen. Non só polos resultados electorais senón polo que nos ían transmitindo aos que temos relación directa coa veciñanza. Necesitamos volver gañar a confianza da cidadanía para que nos vexa como unha alternativa.

Di o novo secretario xeral que o PSdeG manterá unha relación construtiva coa Xunta. Custaralle tela a vostede, que vén sinalando os debes da Xunta con Lugo? 

Non é incompatible. Esta semana comezaba a obra da esquina de San Roque e a Ronda, e para iso tivemos que manter reunións coa Xunta, desde a lealdade e sendo construtivos. Evidentemente, vou seguir sinalando os debes que ten a Xunta con Lugo. No que vexamos que pode ser un atranco ou que non estea na axenda política hai que poñer o foco. Cando cheguei á alcaldía, a intermodal estaba metida nun caixón e fomos quen de poñela na axenda. Hai demandas históricas, como o plan Paradai, a ronda leste, o cuartel de San Fernando, o museo da romanización... Había un compromiso e algúns proxectos metéronse no caixón de forma unilateral.

No congreso do PSdeG reapareceu o exsecretario xeral José Ramón Gómez Besteiro. A forma na que o fixo e o calor que recibiu fan pensar nun candidato á Xunta.

Vimos de escoller o secretario xeral e as direccións do partido para os vindeiros catro anos, e cando chegue o momento abrirase o proceso para escoller o candidato á Xunta. Moitas veces é coincidente, pero non ten por que ser nin a única opción nin a que sexa ao final. 

González Formoso xa dixo que a el non lle importaría ser candidato.

Cando un dá un paso adiante, sobre todo se é nun cargo de gran responsabilidade, ten que ter tamén o firme compromiso de, se ten que seguir e dar ese outro paso adiante, facelo. 

Pensan darlle algún papel a Besteiro a curto ou medio prazo?

Primeiro hai que ter claro se el quere dar un paso adiante. Está nunha situación esperando a que rematen todos eses procesos xudiciais inxustos e alongados no tempo que tanto dano fixeron persoalmente e a nivel de partido, na súa figura e na doutros, como Orozco, Paco Rodríguez, Valiño ou eu mesma. Terá que decidir se quere ser un activo en primeira liña ou non. Despois decidiremos o que haxa que decidir. Todos somos necesarios.

Cal é a postura do PSdeG sobre a proposta para o financiamento autonómico, na que Galicia non sae ben parada? Será a primeira oportunidade para poñer Galicia por diante do partido?

A executiva nacional acaba de constituírse e creo que hai que darlle algo de tempo. As autonomías teñen que dispoñer de medios para realizar as súas competencias, pero tamén os necesitamos os concellos. Non se nos poden transferir, en moitos casos pola porta de atrás, sen dotarnos de financiamento e recursos humanos. O secretario xeral xa dixo que o Goberno de España xa tiña un delegado en Galicia, que é José Miñones. O partido vai defender os intereses de Galicia, e se cremos que saímos prexudicados, imos dicilo alto e claro, sen complexos.

Como alcaldesa e mariñá, cre que o papel do Goberno de España no conflito de Alcoa é suficiente?

O Goberno de España leva dende o inicio intentando darlle solución a un problema complexo, porque é unha empresa privada. Se non fose pola súa implicación, xunto coa doutras administracións, igual Alcoa xa non estaba aquí.

Pero o prezo da enerxía eléctrica, que é a peza clave e que ademais é xa tamén un problema social, segue sen abaratarse.

É outro debate que está sobre a mesa. Haberá que afrontar de forma conxunta todas as peculiaridades que ten Alcoa para darlle viabilidade.

"O pacto de goberno estase cumprindo e chegaremos ata o final"
Hai quen cre que está preparándose para dar o salto fóra de Lugo.

Non vou entrar a eses debates. No 2015 xa se dicía que non quería ser alcaldesa, que non tiña intención de continuar…, o tempo dá e quita razóns. Síntome tremendamente orgullosa de ser alcaldesa e sigo planificando a cidade. E non o fago de maneira curtopracista, con proxectos que non buscan o rédito político senón transformar a cidade dende o ámbito do deseño pero tamén economicamente. 

Cre que a cidadanía valora as accións que está levando a cabo ou sente certa incomprensión?

Eu creo que si recoñece o traballo. Estanse visualizando proxectos que empezaron no anterior mandato. Outra cousa é que despois cada quen decida o seu voto.

Como é a relación co socio de goberno neste momento?

É cordial e fluída, pensando en cumprir o acordo programático que temos, en seguir materializando o modelo de cidade que deseñamos en 2015.

Non quere botar o BNG do goberno, entón, como se di por aí.

Mentres se cumpra o pacto...

E diría que se cumpre?

Estase cumprindo e chegaremos a término, que é o obxectivo final.

O presidente da Deputación optará á dirección provincial do partido, pero hai unha lista alternativa que pide exclusividade orgánica. Que opina vostede?

Creo que se pode compatibilizar. Houbo esa dualidade en moitos casos con anterioridade, e haina agora, en Galicia, o propio Pedro Sánchez.. Véxoo como algo normal.

E incluso desexable?

Eu creo que pode ser complementario. O tema sempre é o enfoque que se lle dea e como se traballe.

Comentarios