Os accidentes de tráfico deixaron en Lugo máis de mil feridos en dous anos

Sufriron lesións de todo tipo e o 11% precisou hospitalización. Os sinistros con vítimas descenden e concéntranse nas vías interurbanas
Ronda gif
photo_camera Accidente rexistrado na Rolda hai uns meses. EP

Os accidentes de tráfico deixaron na provincia de Lugo máis de mil feridos nos dous últimos anos. Detrás destas cifras hai persoas que sufriron fracturas, lategazos cervicais ou queimaduras das que lograron reporse cun simple tratamento, pero tamén hai vítimas con lesións medulares ou neurológicas que deixaron unha parte da súa vida sobre o asfalto. Segundo os datos oficiais, ao redor do 11% dos lesionados tiveron que ser hospitalizados tras o suceso.

As estatísticas da DXT sobre sinistralidade viaria revelan que os accidentes rexistraron un descenso en Lugo, aínda que seguen arroxando cifras elevadas. De feito, ao longo do ano (ata mediados de novembro) contabilizáronse nas estradas da provincia 367 accidentes con vítimas, fronte aos 492 do mesmo período do ano anterior e aos 475 de 2017.

Os sinistros que se produciron este ano deixaron 55 feridos hospitalizados e 472 que non precisaron hospitalización. O ano previo, nos mesmos meses, houbo 83 e 640 lesionados, respectivamente.

VÍAS. O descenso no número de accidentes foi maior nas vías urbanas que nas interurbanas, onde ademais se concentra a maior porcentaxe de sinistros.

As vías interurbanas da provincia rexistraron ata mediados de novembro 289 sinistros e 4 atropelos mortais a peóns

Tal e como revelan as cifras que manexa a Dirección Xeral de Tráfico, nas estradas situadas dentro de territorio urbano rexistráronse ata mediados de novembro 98 accidentes con vítimas. O ano pasado foron 183 —no mesmo período— e o anterior rexistráronse un total de 186. Pola súa banda, os viarios interurbanos rexistraron este ano 269 sinistros. En 2018 foron 309 e o ano anterior contabilizáronse 289.

Con estes datos, queda patente que extremar as precaucións ao volante resulta necesario en calquera tipo de estrada, independentemente das súas características e da localización na que se atope. Desde xefatura de Tráfico recordan ademais en que a seguridade viaria non é unicamente responsabilidade dos condutores, xa que os peóns tamén teñen a obrigación de extremar a atención e cumprir algunhas recomendacións, como o uso de elementos reflectores durante as horas nocturnas.

Comentarios