Absolto un lucense de abusar dunha nena de 4 anos tras retirar a nai a denuncia

A proxenitora esixía inicialmente cárcere para o home e 9.000 euros de indemnización

A Audiencia Provincial de Lugo absolveu a un home acusado de abusar sexualmente dunha nena de 4 anos despois de que a nai da menor presentase un escrito no xulgado renunciando ao exercicio de calquera acción civil e penal contra o acusado.

O ministerio fiscal, no seu escrito de conclusións provisionais, tamén solicitaba a libre absolución do home, xa que consideraba que os feitos non estaban acreditados.

A nai de nena denunciou hai aproximadamente dous anos que un home abusara sexualmente da súa filla de pouca idade, polo que se iniciou unha investigación.

INDEMNIZACIÓN. O caso chegou ao xulgado e o ministerio fiscal pediu no seu escrito de conclusións a libre absolución do acusado, mentres que a acusación particular -exercida pola nai da nena- solicitou unha condena de 4 anos e 3 meses de cárcere, así como unha indemnización de 9.000 euros polo dano moral que se lle ocasionou supostamente á vítima.

O proceso xudicial seguiu o seu curso e a vista oral por este caso íase celebrar hai uns días, concretamente o pasado 15 de marzo, pero a proxenitora da menor presentou con anterioridade un escrito retirando a denuncia e facendo constar que "puña termo ao proceso".

Ante este cambio de actitude por parte da denunciante, a Audiencia Provincial de Lugo conclúe que "ao non existir ningunha acusación, o principio acusatorio obriga á libre absolución do home", un lucense de 48 anos de idade.

O tribunal ditou sentenza absolvendo ao acusado do delito de abusos sexuais que se lle imputou e declarando de oficio as costas procesuais.

Comentarios