A nova Praza da Mosqueira abre o paso aos peóns

As obras aínda non están finalizadas pero xa se pode pasear polo tramo da Rolda entre a Praza da Constitución e San Roque
A nova zona peonil de A Mosqueira. EP
photo_camera A nova zona peonil de A Mosqueira. EP

Aínda que a obra non está rematada por completo, desde este mércores quedou aberto o paso aos peóns na zona da Mosqueira. 

As valas que pechaban o paso desde a Praza da Constitución ata San Roque foron retiradas e os lucenses xa pudieron camiñar pola nova praza sen tráfico que ocupará ese espazo da Rolda da Muralla. 

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, explicou que "os traballos continúan a executarse, pero coa practica totalidade do novo pavimentado completamente instalado, abrimos o paso peonil en todo o percorrido da nova praza".

A Mosqueira, na zona máis próxima á porta de San Pedro, conta cunha "pavimentación novidosa en Lugo,"que alterna céspede e baldosas. Arroxo explicou que "isto mellorará a percepción  do monumento e permitirá abrir á veciñanza un dos espazos máis simbólicos da cidade".

A nova praza peonil resultante será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira.

O novo alumeado terá unha dobre función, garantir a boa visibilidade na parte pública e "avanzar na mellora da percepción visual da Muralla, reducindo a contaminación lumínica producida polos antigos proxectores instalados no céspede", explicou o nacionalista.

Comentarios