Abanca e Deputación de Lugo lanzan o Plan Reactivación

Conta cunha liña de créditos brandos por un total de 25 millóns
Firma del acuerdo. DIPUTACIÓN DE LUGO
photo_camera Firma do acordo. DIPUTACIÓN DE LUGO

Abanca e a Deputación Provincial de Lugo asinaron este martes un acordo para o lanzamento do Plan Reactivación, unha liña de financiamento de ata 25 millóns de euros para impulsar a recuperación do tecido socioeconómico e paliar o impacto da crise xerada pola pandemia de coronavirus. 

O convenio foi subscrito no Pazo de San Marcos polo presidente da Deputación, José Tomé Roca e o director da Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa García, e supón unha adaptación do Plan Activamos (en marcha desde 2014) ás actuais circunstancias. 

No protocolo acordado inclúense diferentes opcións de financiamento con condicións melloradas, entre as que destacan créditos ao tecido empresarial para atender necesidades de liquidez, e investimentos e préstamos para apoiar a dixitalización dos fogares. 

No caso de pemes e autónomos, poranse á súa disposición dúas pólizas de crédito, unha delas de carácter especial, para atender ás necesidades de circulante derivadas da crise do Covid-19. Ademais, poderán optar a créditos preferentes para a creación de novos negocios ou para novos investimentos, así como para acometer melloras de eficiencia enerxética e dixitalización das súas instalacións. 

Tomé: "Nestes momentos é moi importante facilitar a circulación de crédito, axudar que chegue ás familias, aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas, a verdadeira columna vertebral da nosa economía"

Para as familias, o Plan Reactivación Lugo ofrecerá créditos para a adquisición de equipamento tecnolóxico e servizos de banda ancha, para mellorar a capacidade dixital dos fogares e facilitar o teletrabajo ou a educación a distancia. Tamén se inclúen préstamos para melloras enerxéticas, incorporación de enerxías renovables e melloras de accesibilidade, ou rehabilitación de vivendas en núcleos rurais e históricos. 

Finalmente, tamén as corporacións locais de Lugo poderán acceder a financiamento en condicións especiais para realizar investimentos, para as súas necesidades de circulante, avais ou 'cofirming' (servizo de xestión de pagos que ofrece aos provedores a posibilidade de cobrar de forma anticipada). 

O director de Banca Institucional da entidade financeira, Santiago Novoa, sinalou que este novo "acordo estratéxico" reforza o "compromiso" de Abanca co tecido socioeconómico da provincia, particularmente con pemes e autónomos, moi afectados pola crise sanitaria, e permitiralles atender as súas "necesidades urxentes" de financiamento ou mellorar as súas capacidades tecnolóxicas. 

Mentres, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, puxo en valor o "compromiso" da institución provincial, ben cos seus propios recursos ou colaborando con outras entidades, para contribuír á saída da crise "o máis rápido e do mellor xeito posible". "Nestes momentos é moi importante facilitar a circulación de crédito, axudar que chegue ás familias, aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas, a verdadeira columna vertebral da nosa economía", proclamou. 

O acordo asinado este martes supón a renovación dun convenio vixente desde 2014, o Plan Activamos que, desde a súa posta en marcha, inxectou máis de 103 millóns de euros nas familias, pemes, corporacións locais e autónomos da provincia. En total, formalizáronse 4.110 operacións de crédito, das que 710 correspóndense co ano pasado (por importe de algo máis de 17 millóns de euros). 

Comentarios