A Xunta confía en iniciar a demolición do vello Hospital Xeral este ano

"Estamos a avanzar no proxecto", dixo o presidente galego

Recreación do futuro centro integral de A Residencia. EP
photo_camera Recreación do futuro centro integral da Residencia. EP

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, insistiu en que se manteñen integramente os "compromisos" adquiridos polo Goberno galego para recuperar a contorna do vello Hospital Xeral, no barrio da Residencia de Lugo, e incluso anunciou que a súa intención é iniciar este mesmo ano a demolición do edificio de hospitalización, que precisa dun proxecto aparte pola presenza de amianto nas instalacións.

Feijóo fixo estas declaracións aos medios de comunicación en Lugo, onde viaxou para asistir á apertura da nova escola infantil da rede Galiña Azul, construída pola Fundación Amancio Ortega.

"Estamos a avanzar no proxecto", dixo o presidente da Xunta de Galicia, quen tamén recordou que o Goberno galego lle solicitou ao Concello de Lugo "formalmente" no mes de xullo a licenza para iniciar as obras do primeiro Centro Integral de Saúde da Comunidade Autónoma, o que funcionará no vello Hospital Materno-Infantil logo da súa rehabilitación e adaptación.

"En consecuencia, non sei se hai xente á que non lle interesa que fagamos unha reestruturación completa e cumpramos todos os compromisos co barrio da Residencia de Lugo", engadiu, pero "desde logo a Xunta de Galicia vaino a facer".

En canto á polémica suscitada pola anulación do acordo para a retrocesión dos terreos ao Goberno de España, que segundo o Concello de Lugo é un trámite "imprescindible", para poder desenvolver servizos "non sanitarios" nos terreos que antes ocupaba o vello Hospital Xeral, Feijóo afirmou que son "cuestións técnicas sobre como os letrados da Seguridade Social tipifican a posta a disposición dos terreos en favor dacomunidade autónoma".

"Haberá que preguntarlles aos letrados da Seguridade Social, se isto é unha afectación ou unha desafectación, ou unha mutación demanial. En fin, esas cuestións técnicas correspóndenlle aos letrados. A Xunta de Galicia o que quere é ter licenza para empezar a construír o Centro Integral de Saúde, o primeiro que imos facer en Galicia".

En segundo lugar, precisou, tamén espera que a Xunta poida dispor "en prazo da licenza para facer os equipamentos en materia de emprego"; en terceiro lugar, "para poder facer unha residencia da terceira idade"; en cuarto lugar, "para que todo isto funcione cunha planta de biomasa" e, en quinto lugar, "para facer un centro de innovación" en aeronáutica, que é "o comprometido" polo Goberno galego.

"Neste momento, temos solicitada desde o mes de xullo a licenza" para o Centro Integral de Saúde, precisou, "e nas próximas semanas imos solicitar unha segunda licenza, para o centro de emprego". Ademais, confirmou que "antes de finalizar o"ano , a Xunta ten previsto presentar "o proxecto para pedir licenza para a residencia da terceira idade".

"Non podemos concretar maior compromiso. O 100% dos compromisos co barrio da Residencia mantéñense, integramente. O que necesitamos son licenzas para poder construír", insistiu.

Por outra banda, anunciou que "dentro dun mes e medio" o Goberno galego ten previsto presentar "o proxecto de demolición do edificio" de hospitalización do vello Xeral. Aclarou que foi preciso redactar "un proxecto individual, porque hai moito amianto e, desde o punto de vista da seguridade laboral" é necesario. "Espero que antes de final de ano podamos iniciar a derriba do hospital", avanzou Feijóo.

Desde o seu punto de vista, as "obras acreditarán" que "as dúbidas sobre o compromiso da Xunta de Galicia "eran malintencionadas". "O único que podemos facer é construír, previa licenza, pero a licenza necesitámola", resolveu.

Comentarios