A orixinalidade e a imaxinación toman o Entroido de Lugo

Ducias de nenas e nenos participaron no concurso infantil de disfraces organizado polo Concello
Participantes en el desfile infantil. AIDA SOENGAS
photo_camera Participantes en el desfile infantil. AIDA SOENGAS

Ducias de nenos participaron este sábado de Entroido no tradicional concurso de disfraces infantil organizado polo Concello de Lugo. O bo tempo acompañou á tarde festiva e os concursantes "despregaron a súas dotes imaxinativas con vistosas creacións" nun desfile seguido por multitude de veciños.

Os participantes animaron o desfile con coreografías como as realizadas polos nenos disfrazados de Grease, os pallasos patinadores ou os feros piratas. Os nenos fixeron gala de gran imaxinación con elaborados traballos como a prisión Lego, unha parella de dragóns ou un destacamento de cazafantasmas.

A comparsa Prisión Lego. CONCELLO

As personaxes nas que se inspiraron os nenos lucenses van desde os protagonistas dos contos como Pinocho ou personaxes Disney. O cine tamén foi fonte de inspiración e non faltou a volta á casa de E.T., os cazafantasmas e princesas e dragóns. Tamén houbo sitio para a fantasía e xurdiron personaxes como un porcoespiño, a raíña das neves ou unha palleira. Os produtos galegos tamén tiveron o seu lugar, representados, entre outros, pola comparsa O Poder dos Grelos.

Durante a deliberación do xurado –formado por Elvira Lombao, representante da Fapacel; Cristina Seijas, mestra e pedagoga; e Nicolás Madero, integrante de Hipócrita Teatro– Isla Le Triska realizou un espectáculo de clown e malabares para toda a familia.

Na categoría de disfraces individuais os gañadores foron Madre Natureza, cun premio por valor de 100 euros; Este vestido es un rollo (75 euros) e Pirata de Lego (50).

Os premios na categoría de parellas foron para As malvadas recicladas rouban a carroza de Disney (150 euros); Clower Power (120) e Princesa e dragón (90).

O desfile rematou co paseo das seis comparsas que se presentaron. O desfile dos participantes nesta categoría resultou por momentos moi espectacular debido aos elaborados e orixinais traxes deseñados, así como polas animadas coreografías.

Os gañadores foron Sorpresa, Sorpresa! cun premio por valor de 225 euros, Pop Art Show (175 euros) e O poder dos grelos (140).

Os premios consisten en dous vales, un que pode ser canxeado por libros ou material escolar e outro para canxear na Sala Enigma ou no espazo Hakuna Mattata. O xurado estivo composto por Víctor Manuel González Díaz, músico da Banda Municipal de Música e profesor; Sabela Eiriz Martínez, actriz e debuxante; e Mª Elena Rodríguez Fernández, profesora do Conservatorio de Danza de Lugo.

Listado completo dos participantes
Categoría individual:
1. Pinocho
2. Pallaso
3. Malva Lila Colorina
4. Madre Natureza
5. A burbulla
6. Pirata de Lego
7. A palleira
8. Este vestido es un rollo
9. El colibrí
10. El puercoespín
11. Reina de las flores
12. A avoíña 
Categoría por Parellas:
1. Dragones
2. Clower Power
3. As malvadas recicladas rouban a carroza de Disney
4. Muller Marabilla
5. Princesa e dragón
Categoría de comparsas:
1. Prisión Lego
2. Pop Art Show
3. O poder dos grelos
4. Cazafantasmas
5. Sorpresa, Sorpresa!
6. E. T. Volve á Casa

Comentarios