A Deputación reclama liberdade e pluralidade informativa para a CRTVG

Na votación, tamén demandaron manter as desconexións informativas locais e o diario cultural da Radio Galega

O pleno da Deputación aprobou grazas ao voto de calidade do presidente unha moción do PSOE para reclamar liberdade e pluralidade informativa na CRTVG e manter as desconexións informativas locais e o diario cultural da Radio Galega. Houbo un empate por votar en contra o PP (12), absterse Martínez e a favor BNG.

O portavoz do goberno, Álvaro Santos culpou á Xunta destes recortes e asegurou que pretende desmantelar os medios para controlar a información que chega aos veciños ante a chegada dos comicios.

Mentres o deputado popular Ramiro Moure defendeu a súa postura en contra ao asegurar que os socialistas falsean a realidade pois defendeu que a nova programación da CRTVG pretende dar un maior protagonismo á información local as 24 horas do día e converter en transversal a información cultural.

Aludiu a que non é certa tal manipulación pois os estatutos da CRTVG recollen que o director ten que ter total independencia dos partidos políticos.

Centro en Oural
Aprobouse por unanimidade instar á Xunta a reabrir o consultorio sanitario de Oural, en Sarria, pechado desde 2011.

Veciños da parroquia acudiron ao pleno e aplaudiron esta proposta levada á sesión polo equipo de goberno.

Comentarios