O 80% das fontes de Lugo están contaminadas, algunhas por arsénico

O concelleiro Víctor Álvarez, de Lugonovo, precisou que 36 dos 46 mananciais rexistrados no municipio padecen algún tipo de contaminación “bacteorolóxica”

Fuente en Gondar, en Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Fonte en Gondar, en Lugo. VITORIA RODRÍGUEZ

O grupo municipal de Lugonovo denunciou que “un 80%” das fontes públicas do termo municipal de Lugo “están contaminadas”, de acordo co informe emitido despois das últimas analíticas realizadas polo Concello da capital lucense no período comprendido entre marzo e xuño deste ano.

O concelleiro Víctor Álvarez precisou que 36 dos 46 mananciais rexistrados no municipio de Lugo padecen algún tipo de contaminación “bacteorolóxica” e “nunha decena delas detectáronse” incluso “restos fecais”.

Ademais, “noutras moitas”, precisou, “constatouse unha elevada concentración de arsénico, que incluso chega a duplicar os parámetros máximos previstos para este valor”.

Recordou, nese sentido, que “a inxestión desta sustancia resulta moi prexudicial, xa non só pola súa toxicidade”, senón tamén polo “efecto acumulativo que ten no organismo”,dado que pode derivar en infeccións “gástricas severas” e incluso noutro “tipo de enfermidades graves”.

Polo tanto, Lugonovo considera necesario “extremar os controis” e renovar a sinalización que “advirte da incerteza sobre a salubridade” da auga desas fontes, dado que en moitos casos desapareceu.

Ademais, esta organización política considera que “detrás da mala calidade da auga está o feito de que a maioría das parroquias de Lugo carece de saneamento”.

Comentarios