José Antonio Iglesias

50 anos de dedicación á terra

O lucense José Antonio Iglesias é o último funcionario en activo dos que traballaron no Iryda, un instituto de reforma agraria nado no franquismo. Entrou con 16 anos e agora, con 66, garda na retina a evolución dun sector do que segue "namorado"
Iglesias, cunha ficha do Iryda e unha foto antiga súa. XESÚS PONTE
photo_camera Iglesias, cunha ficha do Iryda e unha foto antiga súa. XESÚS PONTE

Toda unha vida. Unha expresión tan empregada como certa no caso de José Antonio Iglesias, un lucense que leva cincuenta dos seus 66 anos dedicándose ao mundo agrario. Un vínculo que mantén hoxe en día, pois defínese "namorado" do seu traballo. Iglesias é o último funcionario en activo de todos os que traballaron ao longo do país nas distintas delegacións do Iryda (o Instituto Nacional de Reforma e Desenvolvemento Agrario, nado no franquismo).

Recoñece que os tempos cambiaron moito, e o seu traballo actual na Consellería do Medio Rural da Xunta moi pouco ten que ver cos labores que desempeñaba hai medio século no organismo agrario de Lugo cando só tiña 16 años. Un cambio no ámbito laboral que tamén podería trasladarse ao agrario, pois viviu en primeira persoa todo o proceso de concentración parcelaria e de transformación do sector agrícola na provincia.

"Era o ano 1969 cando me contrataron para traballar en Lugo no Servizo Nacional de Concentración Parcelaria, que dous anos despois se uniría ao de Colonización e formarían o Iryda. Comecei como recadeiro, que daquela era a persoa que se encargaba de facer todos os trámites. Recordo con emoción ese primeiro día de xornada, déronme un uniforme e o meu medio de transporte era unha bicicleta", rememora Iglesias, quen cun salario mensual de 1.200 pesetas (pouco máis de sete euros) facía unha xornada de entre doce e catorce horas.

Naquel tempo no instituto de reforma agraria lucense traballaban 90 persoas. "Daquela todo o proceso das concentracións parcelarias levábase desde o Iryda. Traballaban todo tipo de profesionais: peritos, topógrafos, delineantes, enxeñeiros agrónomos... A maioría eramos adolescentes e o traballo diario era moi intenso. Numerosas persoas de toda a provincia pasaban polas oficinas para resolver trámites", sinala Iglesias, quen recorda que o proceso de reforma agraria se viviu con incerteza.

"Os gandeiros era un pouco reticentes porque estaban acostumados a ter parcelas pequenas e pensaban que coas concentracións podían perder parte dos terreos. Sen embargo, vivíamos no franquismo, unha época na que non estaba permitido queixarse", di o funcionario, e recalca que no Iryda sempre se intentaba que ninguén saíse perdendo. "Os agricultores soían pedir que as novas parcelas lles quedasen preto da casa e os técnicos resolvían todas as dúbidas e intentaban que así fose", afirma.

INDUSTRIALIZACIÓN

Iglesias recorda que a maior transformación do sector se viviu no ámbito da industrialización. "Nos anos 80 empezaron a convocarse subvencións para que os agricultores comprasen tractores. Ata daquela case ninguén tiña maquinaria e supuxo un antes e un despois", apunta.

O funcionario seguiu no Iryda ata o ano 1983, cando trala creación da Xunta de Galicia o transferiron á delegación de Agricultura emprazada no edificio multiusos da capitalidade, onde segue traballando a día de hoxe na renomeada Consellería do Medio Rural. "Foron anos moi felices, ía contento traballar porque me encantaba e me segue encantando o que fago. O meu amor pola terra é infinito e seguirei dedicándome a isto ata que o corpo o permita", conclúe.

Comentarios