"Ou chocaba contra o xabaril ou me ía contra o coche que viña de fronte"

Un empresario lucense sae ileso tras arrolar a un dos sete porcos salvaxes que de noite atravesaron a estrada. O seu vehículo, recentemente estreado, sufriu danos por case 7.000 euros

Venres pasado. Oito e media da tarde. Noite xa pechada. Os automóbiles que circulan pola estrada da Fonsagrada (LU-530) en dirección cara a esta vila esquivan a unha piara de polo menos sete xabarís que se atravesa na calzada, preto de Castroverde. Non corren a mesma sorte os vehículos que se dirixían á capital lucense. Un turismo arrola a un dos porcos salvaxes e un camión de butano a outro.

"Tiña dúas opcións: Ou chocaba contra o xabaril ou me ía contra o vehículo que viña de fronte e tíveno claro", afirma o empresario lucense Manuel Castedo, que resultou ileso. O seu vehículo, que acababa de estrear -levaba con el "20 días"-, está no taller. Os danos materiais foron taxados "entre 6.000 e 7.000 euros".

Se non chega a ir ao volante dun turismo de alta gama, este empresario non sairía indemne. "Calquera día provocan un accidente no que se mata unha familia", advirte Manuel Castedo sobre o perigo que está a supor a sobrepoboación de xabarís para a seguridade viaria.

Precisamente este mércores, na Coruña, a comisión autonómica de tráfico e seguridade viaria abordará o preocupante contratempo que está a supor esta especie cinexética nas estradas galegas.

"É un problema bastante grave. A administración ten que tomar medidas porque non sei onde vai acabar isto", afirma este empresario, que ademais é vicepresidente do tecor Río Chamoso de Castroverde.

Manuel Castedo propón que a Xunta modifique a lei para que se poida cazar "en casos excepcionais como este preto" das estradas e das casas porque "se non os xabarís vanse seguir resgardando aí, xa que senten protexidos, e provocando accidentes".

O tecor Río Chamoso de Castroverde conta esta tempada cunha cota para cazar uns 150 exemplares entre o pasado mes de setembro e o próximo de xaneiro cando, segundo detalla o seu vicepresidente, ten unha poboación de entre "700 e 800 xabarís". A administración autonómica adoita conceder prórrogas para abater máis se entrañan un risco.

ASISTENCIA." Os talleres mecánicos están a rexistrar desde hai un ano e medio unha choiva de vehículos sinistrados pola irrupción destes animais na calzada", segundo apunta o presidente da asociación provincial deste gremio (Aprevar), Luis Abelleira.

O propio Luis Abelleira viuse implicado o ano pasado nun accidente cun xabaril cando circulaba á noitiña pola estrada de Meira (Nacional 640), preto de Rozas. El non sufriu feridas e o seu coche cuantiosos danos en defensa, "capó, aleta e faros", taxados nuns 7.000 euros.

"Ultimamente están a producirse unha chea de accidentes. Os talleres temos tamén sensibilidade social. Isto precisa unha solución urxente porque está a pór en perigo a vida das persoas", afirma o presidente de Aprevar, que atribúe o problema "ao exceso de protección" aos animais.

Comentarios