"Xamais houbo ánimo de ocultar nada e é Hacienda a que nos debe diñeiro"

Os socios acusados dunha estafa millonaria coa venda de móbiles din que non lles abonaron as devolucións do Iva dun ano. "Xa non podiamos pagar os impostos, pero declarábase todo", din

Audiencia Provincial de Lugo. EP
photo_camera Audiencia Provincial de Lugo. EP

Os tres socios acusados de cometer unha estafa millonaria coa venda e exportación de teléfonos móbiles -J.M.D.V., P.C.M. e M.C.A.- declararon este mércores na Audiencia Provincial de Lugo que actuaron en todo momento "conforme á legalidade". Segundo explicaron ante a sala, levaban a contabilidade das súas actividades comerciais "de forma meticulosa" e seguían as instrucións "da xente de Aduanas" para realizar as exportacións.

Tal e como sinalaron, os problemas das súas empresas comezaron cando a Axencia Tributaria lles paralizou as devolucións do Iva de 2006. "Era máis dun millón de euros e iso asfixiounos. A partir dese momento non puidemos facer fronte ao pago dos impostos, pero declarábase todo. Xamais houbo ánimo de ocultar nada e é Hacienda a que nos debe diñeiro a nós. O importe das devolucións do IVE é moi superior aos importes que deixamos de pagar".

Segundo explicaron, dirixíronse á Axencia Tributaria en multitude de ocasións para reclamarlle as devolucións do IVE. "Non sabiamos o que estaba a pasar. Realizáronnos tres inspeccións e saíron favorables a nós. O tribunal económico acordou que nos tiñan que devolver o diñeiro, pero en lugar diso solicitáronnos o pago do imposto de sociedades por vía de Instrución", apuntaron.

Un dos acusados, M.C.A., que se dedica á avogacía, relatou todos os "esforzos" que realizaron os tres socios para cumprir as súas obrigacións coa Axencia Tributaria. "Chegamos a dicirlle a Hacienda que a autorizabamos a pór cámaras no noso almacén para que vixiase a nosa actividade. Cando deixaron de abonarnos as devolucións do IVE tivemos que presentar avais persoais para devolver as pólizas de crédito. Eu cheguei a facer unha hipoteca sobre o meu despacho e aínda estamos a pagar a cota entre os tres. Xamais houbo ánimo de tapar nin de ocultar nada", insistiu.

Sobre as exportacións, explicaron que tampouco intentaron ocular nada. "Enviabamos a mercancía por empresas de mensaxería e en Aduanas podían revisala cando quixeran. De feito, en ocasións facíano e sempre ía todo ben documentado".

Durante a xornada deste mércores tamén declarou ante a sala o acusado J.M.N.V., que en 2006 era o xestor que levaba a contabilidade das empresas dos tres socios. Segundo explicou, cando deixaron de devolverlles o IVE revisaron todas as contas e atoparon un desaxuste. "Eles declararon compras de móbiles a Carrefour por 600.000 euros e o centro comercial declarou vendas por 900.000. Era unha diferenza enorme e expómonos diferentes hipóteses sobre o que podía pasar. Finalmente, a Axencia Tributaria pediulle a documentación a Carrefour e eles recoñeceron que había un erro. Presentaron outra vez as contas e practicamente coincidían co que declararan os socios".

Aínda así, segundo a versión dos acusados, este erro alleo a eles serviu para que se puxese en dúbida a súa xestión, que acabou nos xulgados. A vista seguirá a próxima semana coa declaración de testemuñas e peritos.

Comentarios