... E enterrouse a sardiña con moita sorna

Varios momentos de la procesión del Entierro de la Sardina, por la Rúa da Cruz y la Praza do Campo, donde la comitiva hizo una parada (Foto: Pepe Álvez)
photo_camera Varios momentos de la procesión del Entierro de la Sardina, por la Rúa da Cruz y la Praza do Campo, donde la comitiva hizo una parada (Foto: Pepe Álvez)

A sardiña volveu á tumba e, desta forma, finalizou o Entroido en Lugo. O fornelo da Praza Maior foi escenario do adeus anual ao Entroido e á sardiña, que volverá resucitar o próximo Entroido. O irmán Espetón, bispo insigne deste acontecemento interpretado polo artista polifacético José Blázquez, despediu o Entroido cunha «¡Viva o Entroido!», non sen antes ler os distintos ferretes que resultaron gañadores no concurso convocado pola asociación cultural Pepe Barreiro e o Concello.

Os concertos do Xacobeo, a falta de limpeza da muralla, o inicio da Rólda Sur, os conflitos da Policía Municipal, as obras do Garañón, a autovía a Santiago e as obras do auditorio foron algúns dos temas sacados a colación no fornelo da Praza Maior, onde tivo lugar a lectura dos ferretes, xunto con outros como o caso Campión e Dorribo, a crise do ladrillo, a descomposición do Bloque, a AVE, os chicles pegados nas beirarrúas, as feces dos cans nos parques ou a sentenza de Garzón. Todos eles tiñan un retrouso en común: «Xa se aprobou o PXOM, xa Lugo pode medrar, aínda a vir un cabrón para volvelo estropear».

Entre os ferretes que arrincaron máis risas estaba un que dicía: «O ladrillo, en crise; o Bloque, en descomposición. Así non hai quen amañe o ramo da construción» ou aquel que proclamaba a muralla como «ben natural» pola súa falta de limpeza.

Tamén se deron a coñecer os nomes dos autores gañadores do concurso, que foron: O fillo do Abrigueiro, O campaneiro de Bastabales, Maruxiña do Fornelo e O Lucense.

A procesión do Enterro da Sardiña saíu puntual, ás oito, do Círculo. Fóra, varios músicos da banda, ataviados con capuces e faldones vermellos e con antifaces interpretaban un pasodobre co que se abriu a marcha.

O bispo, acompañado de dous sacerdotes, abrían a procesión. Tras eles, os confrades, de negro, algúns deles cunha sardiña ao pescozo, e os mariñeiros, de amarelo, portando a tumba da sardiña. Na comitiva, tamén figuraban algunhas plañideras. Unha delas incluso se atreveu cunha perruca punki. A procesión finalizaba cunha cruz e un cartel que rezaba: «¡Vaia cruz o Entroido!».

A música e os cánticos acompañaron a procesión durante todo o percorrido, que partiu da Praza Maior e dirixiuse cara á zona dos viños para despois retornar á Praza Maior.

Círculo

A pesar de que a sardiña quedou enterrada ata o ano que vén, o Círculo continúa hoxe con máis actos de Entroido. Neste caso, será un concerto para os mozos no que actuará l dj Mr. Think e o grupo vigués de funk-rock Phantom Club. Empezará ás dez.

Comentarios