Vecinos de Lugo denuncian que trinta persoas viven nun piso social sen os servizos básicos

O posible reacollo dunha familia xitana, procedente do poboado de Nazaret (O Carqueixo), nunha vivenda da Rúa Aquilino Iglesia Alvariño, onde xa residen outras 17 da mesma etnia, provocou un profundo malestar entre unha parte da veciñanza, porque opina que a concentración de chabolistas nunha zona concreta da cidade de Lugo está a provocar problemas de convivencia social. De feito, os residentes denuncian que unha trintena de persoas, que carecen dalgúns servizos básicos, están a residir no mesmo piso social.

Segundo informaron a AGN fontes veciñais, nunha vivenda social do edificio número 27 da rúa Aquilino Iglesia Alvariño residen actualmente catro xeracións dunha mesma familia de etnia xitana, unha trintena de persoas, que carecen dalgún servizo básico, como a subministración de auga quente, por mor dun conflito veciñal.

Algúns veciños do barrio, que prefiren non facilitar o seu nome, defenden a súa postura e aseguran que non son "racistas". De feito, afirman que non teñen "nada en contra" das familias de etnia xitana, pero opinan que as administracións públicas, tanto a Xunta de Galicia como os servizos sociais do Concello de Lugo, terían que tutelar a súa integración nos barrios nos que son reacollidas.

"Non é que sexamos racistas ou que non queiramos aos xitanos, as nosas queixas non van por aí", subliña unha veciña, quen considera que os servizos sociais terían que ocuparse de "reeducar" a esas persoas que proceden dos poboados chabolistas antes de que sexan reacollidas, para que se adapten ás convencións sociais de antemán e non xeren os seus respectivos barrios "problemas de convivencia".

De feito, outros residentes no barrio do Castiñeiro recoñecen abertamente que algunhas das familias xitanas que foron reacollidas en vivendas sociais da rúa Aquilino Iglesia Alvariño xeran "conflitos" pola súa particular forma de vida. "Cando chega o verán, o xardín que hai diante dos edificios convértese nunha acampada", subliña un dos afectados.

Os veciños tamén aseguran que as súas queixas non serven de moito e incluso recibiron ameazas, motivo polo que instalaron cámaras de seguridade na parte traseira do bloque de vivendas número 26. "Non podemos facer nada, porque aquí estamos todos ameazados", afirma un residente.

O BNG pide que non se formen "guetos"
Pola súa banda, o grupo municipal do BNG acusou á Xunta de Galicia e ao Concello de Lugo de botar "balóns fose" no canto de buscar solucións, porque a Administración local ten a obrigación de realizar un seguimento da integración desas familias a través dos servizos sociais e a autonómica de adxudicar as vivendas sociais.

O concelleiro Xosé Chorén lamenta que a Xunta de Galicia volva á política de formación de guetos "" e pídelle á Administración autonómica que reacolla a esas familias en distintos barrios da cidade, porque dispón de 23 "vivendas baleiras" en zonas como Garabolos, Fingoi, As Gándaras e Lamas de Prado.

Tamén lle esixe ao Concello de Lugo que "cumpra coa súa obrigación" e faga un traballo previo" con estas familias a través dos servizos sociais, para garantir a súa integración "na nova vivenda e no novo barrio".

Comentarios