USC, Deputación e Xunta farán un polideportivo no campus

Antón Bao, Marta Souto, Ánxela Bugallo y Elías Torres (Foto: PEPE ÁLVEZ)
photo_camera Antón Bao, Marta Souto, Ánxela Bugallo y Elías Torres (Foto: PEPE ÁLVEZ)

A conselleira de Cultura e Deportes, Ánxela Bugallo; a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; o vicerreitor de Cultura da USC, Elías Torres, e o vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, anunciaron o luns 9 de febreiro un acordo entre os departamentos
que representan para construír un pavillón polideportivo no campus de Lugo, que se fará nas Pedreiras, según informou Elías Torres, e estará rematado, según as súas previsións, no 2011.

Torres constatou que «a carencia de infraestruturas deportivas en Lugo é total», e que, con este proxecto «o campus contará por fin cunhas instalacións deportivas propias». O orzamento elévase a 5,5 millóns de euros, e para a primeira fase, que se desenvolverá
durante este ano e o próximo, consígnanse tres millóns, un por cada organismo asinante. A ubicación, indicou Torres, farase «nunha reserva de uso deportivo na parcela 11, nas Pedreiras, que é perfecta, aínda que podemos considerar outras posibilidades». A superficie total será de 5.000 metros cadrados, dipostos nun semisoto, planta baixa e primeira.

As instalacións «son exactamente polideportivas, poderán albergar varias actividades», explicou Torres, quen sinalou que acollerán «unha cancha, vestiarios, conserxería, sala multiusos, sala de acondicionamento físico, área de xestión e almacén». Ademais, indicou que «non terán grandes dotación de gradas», xa que están pensadas fundamentalmente
para a práctica deportiva.

Pola súa banda, Ánxela Bugallo apuntou que servirá para dar resposta «a un problema de descenso da práctica deportiva coincidindo co ingreso na universidade» detectado entre o estudantado deste campus. Ademais, Bugallo calculou que, a maiores da comunidade
universitaria, os usuarios poderían incrementarse ata en «5.000 ou 7.000 máis» porque tamén estará aberto á cidadanía en xeral co fin de chegar «especialmente a aqueles sectores que non practiquen deporte habitualmente». Tamén Antón Bao incidiu neste aspecto e salientou a importancia destas infraestruturas para a comarca de Lugo.

Comentarios