Urbano Fra: ''As normas sobre uso do territorio non contemplan os riscos naturais''

OS DESASTRES NATURAIS teñen drásticas consecuencias nas comunidades humanas. Pode parecer unha fatalidade inevitable, pero ás veces é resultado dunha decisión errada, como explica o profesor Urbano Fra, especialista en xestión de riscos e ordenamento do territorio. Ademais de investigador e docente universitario, Fra é presidente da sección Ibérica da sociedade científica Sigma Xi, que conta entre os seus membros con 200 premios Nobel. Dirixiu o grupo de investigación en Riscos Naturais da Universidade de Extremadura e actualmente está integrado no de Territorio e Biodiversidade da Universidade de Santiago, onde é profesor.

PREGUNTA: Cales son os principais riscos naturais aos que está sometida a provincia?
RESPOSTA: A Lugo e Galicia aféctanlle basicamente os incendios forestais e as inundacións. O risco de incendios é a gran escala; mentres que o risco de inundación é moito máis local, dado que os cursos de auga son máis pequenos e no caso da provincia, o Miño e o Sil van moi encaixados, non presentan riscos de grandes inundacións. Despois temos os riscos costeiros, que é mais un risco de cara ao futuro coas perspectivas do cambio climático, e non hai que deixar de ter presente que temos un risco potencial de tsunamis. En 1755 a zona do sur de Pontevedra foi afectada polo tsunami de Lisboa,  chamado terremoto de Lisboa. O océano Atlántico é menos tsunamixénico que o Índico ou Pacífico, pero tamén hai zonas tsunamixénicas.

P: Cales nos poderían afectar?
R: As das illas volcánicas que temos enfronte, as Azores, Madeira, Canarias, e tamén zonas de terremotos submarinos. Os tsunamis viaxan a gran distancia.

P: A probabilidade de que se produza é baixa, non?
R: Canto máis frecuente é un perigo natural, máis fácil é coñecer a probabilidade. Se é pouco frecuente, é moi difícil coñecer a probabilidade. É o caso dos tsunamis. Os datos históricos dos que dispoñemos son escasos. A cuestión clave nos riscos naturais é dispoñer de boa información de cando e como se produciron, e iso axúdanos a predecir o futuro. Na zona de Lugo temos unha pequena zona de risco de terremotos, a de Triacastela-Samos, que a finais dos 90 nos sorprendeu e nos recordou que existe ese perigo, que existiu sempre, o que pasa é que ás veces esa información non se transmite de xeración en xeración.

P: Vamos, que houbo xeracións que non souberon que era zona susceptible de terremotos...
R: Si, porque non se transmitiu. Pode que a xeración anterior posúa esa información e que non se transmita á seguinte. Iso sucede habitualmente coas inundacións. A Terra Chá foi sempre unha zona de inundacións e o que sucede agora é que moita poboación que fixo residencia secundaria non coñece  que eses eventos son frecuentes. Esa ocupación de alta densidade que estamos facendo nalgunhas zonas da Terra Chá fai que haxa poboación que non coñeza ese perigo, pero os agricultores que vivían aí sempre tiveron lanchas para poder desprazarse e iso quere dicir que era xa cultura popular.

P: Pero a estas alturas a Administración si debería sabelo e non permitir esas construcións, non?
R: A ordenación do territorio é unha cultura recente e a responsabilidade de facelo é de toda a sociedade, das administracións e dos cidadáns. Cando tomamos decisións individuais non queremos que a Administración interfira, pero cando se producen os danos queremos que as administacións asuman o custe para cubrir as perdas. As administracións teñen que planificar e influir sobre o uso do solo. Se sabemos cando se produciron as inundacións e en que área, cando se fan os planeamentos urbanísticos esas áreas pódense identificar e delimitarse para un uso que non sexa residencial nin industrial, nin de creación de infraestruturas, porque serán danadas. Ten que haber corresponsabilidade entre as administracións porque a xestión do risco sempre é local, é dicir, son os concellos os que teñen que levar a cabo o planeamento, a xestión dos riscos e das emerxencias, pero non dispoñen dos medios para poder facelo, nin técnicos, nin de coñecemento, nin financieiros, e iso débeno dispoñer as administracións superiores. Hai moitas normas diferentes que inflúen nos usos que se lle dá ao territorio, pero non teñen en conta os riscos naturais.

P: ¿Qué opción queda para as vivendas que xa están en zonas de risco?
R: Aí está outra parte na que temos que tomar decisións e na que entran os plans de mitigación, de ir reducindo progresivamente esa exposición aos perigos e de buscar solucións. En Holanda estase facendo a relocalizacion das actividades; nas áreas que estaban sendo ocupadas na desembocadura do Rhin estase aplicando unha política que se chama 'Room for the river', que ven a ser espacio para o río, en que os agricultores siguen desenvolvendo a sua actividade pero as vivendas son relocalizadas noutra área; son compensados polas perdas pero siguen desenvolvendo esa actividade. Moitas veces demándase canalizar ou quitar a vexetación, o que se denomina limpeza de cauces, e iso o que fai nalgúns casos e desprazar o problema augas abaixo e facer que a auga adquira máis velocidade nas áreas tratadas. A vexetación fai que se ralentice a chegada da auga a zonas inundables, son estruturas naturais beneficiosas.


P:
Estanse facendo políticas para minimizar as consecuencias dos desastres naturais?
R: Noutros países estase facendo, nós aínda temos que incorporar esas políticas para afrontar os perigos naturais. A xestión da emerxencia é moi eficiente, dispoñemos de moitos medios de extinción, de vixiancia, de predición, pero hai eventos de gran dimensión que se escapan das mans.

P: Cal é esa gran dimensión?
R: Non é facil, pero hai que pensar, por exemplo, nos incendios de 2006 en toda Galicia. A xestion do risco é moito mais que xestion de emerxencia, e aí entra a ordenacion do territorio: fragmentar as masas de bosque, ou no caso dos ríos evitar a construción nas zonas inundables que, por outra banda, son facilmente identificables. Normalmente, hai unha chaira de inundación que construíu o río historicamente e que se ocupa porque son as mellores terras agrícolas, as máis doadas para construír as estradas, porque son atractivas pola paisaxe para edificar vivendas...

P: E deberían estar libres...
R: Si, ou con usos compatibles, como espazos verdes

P: Di que a costa pódese ver afectada polo cambio climático, pero hai quen nega que exista
R: Está científicamente probado polo Panel Internacional do Cambio Climático. Tamén hai xente que nega a morte de Elvis Presley.

P: Pero a resistencia está na comunidade científica tamén
R: Os científicos tamén poden estar influidos por factores externos. O cambio climático habería que insertalo nun  máis amplo que é o cambio ambiental global, que inclué a modificación do funcionamento dos ecosistemas, resultado da nosa demanda de recursos naturais.

P: En todo caso, como afectaría á costa luguesa e galega?
R: Aquí non temos zonas costeiras que sexan moi baixas, As zonas potencialmente afectadas son sobre todo fondos de ría, onde desembocan os pequenos ríos galegos. Non é o caso do Mediterráneo ou Asia. En Bangladesh, unha subida duns centímetros do nivel do mar supón inundar gran parte do país. Aquí os efectos van ser mais localizados, pero van en cadea; esa subida significa cambiar os procesos de erosión costeira, que afectará a zonas que antes non erosionaban, cantís, ou cambiar a localización de areais. Falamos de horizontes do 2050 ou 2100.

Comentarios