Unha muller furta ao descoido 60 cadeas de ouro dunha xoiería de Lugo

O Corpo Nacional de Policía (CNP) iniciou unha investigación para tratar de identificar e deter a unha muller que logrou furtar "ao descoido" unha manta con sesenta cadeas de ouro, valoradas nuns 20.000 euros, dunha xoiería da cidade de Lugo, situada nas inmediacións da porta de San Fernando da muralla romana.

A muller, duns cincuenta anos de idade e con acento italiano, entrou o martes na xoiería e pediulle á dependenta que lle ensinase varias alfaias que vira no escaparate do establecemento. Finalmente, comunicoulle á encargada que quería comprar varias pezas, pero tamén lle dixo que non levaba suficiente diñeiro encima e que tiña que saír para sacar máis.

Foi nese momento cando, facendo gala dunha gran habilidade, logrou levar de encima do mostrador da xoiería a manta mostrario con sesenta cadeas de ouro. De feito, a propietaria do establecemento non se deu conta do roubo ata vinte minutos despois. Entón, chamou inmediatamente á policía, pero xa era tarde.

Axentes da comisaría provincial de Lugo presentáronse case de inmediato no establecemento comercial, pero xa non puideron localizar á autora do furto nas inmediacións da tenda. En todo caso, membros da brigada provincial de policía xudicial fixéronse cargo da investigación para tratar de identificala.

Dáse a circunstancia de que esa mesma xoiería, moi coñecida en Lugo, xa foi obxecto dun furto similar hai algúns anos. Fontes consultadas por AGN confirmaron que xa entón o valor das pezas subtraídas fora considerable.

Comentarios