Unha firma valenciana producirá electricidade con xurros en Saa

Finca donde irá la planta (Foto: PEPE ÁLVEZ)
photo_camera Finca donde irá la planta (Foto: PEPE ÁLVEZ)

Se nada se torce, a parroquia lucense de Santiago de Saa acollerá unha das primeiras plantas de produción de enerxía eléctrica con gas de xurro do territorio galego. A promotora do proxecto é a empresa valenciana Husesolar, que ten un proxecto moi similar e un pouco máis avanzado en Lousadela (Guntín). No caso de Lugo, traballará en colaboración coa cooperativa de gando vacún Agris. Esta encargarase de levar o residuo á planta e de devolver o xurro libre de metano aos gandeiros, ben directamente ás terras ou a balsas de almacenamento.

Segundo os cálculos realizados pola empresa, a planta producirá uns 4 millóns de quilowatts por hora, para o que necesitará entre 70 e 100 toneladas de xurro ao día.

Husesolar dispón xa dunha leira na zona da Zanca, e de autorización para envorcar a enerxía na rede eléctrica, ademais do proxecto técnico da planta, na que prevé investir uns 2,5 millóns de euros, segundo avanzou o xerente da empresa valenciana, Juan Valor Font.

Neste momento, a empresa está en fase de obtención de permisos do Concello e da Xunta. O proxecto técnico está exposto ao público en ambas as administracións.

A planta de Saá forma parte dun plan de maior envergadura co que a empresa valenciana aspira a converterse en pioneira e líder en Galicia no aproveitamento de xurros para a produción de enerxía eléctrica.

O proxecto máis avanzado é o de Lousadela. Ten practicamente finalizados os trámites -está á espera dun informe xurídico do Concello- e espérase que as obras empecen este outono. As de Saá tardarán un pouco máis, xa que a tramitación destes proxectos adoita ser longa e laboriosa, asegura o xerente de Husesolar. «O problema é que en España aínda hai moito descoñecemento sobre este tipo de biogás, que en Alemaña xa é unha das pirncipales fontes de enerxía», asegura Valor.

Ademais de en Lousadela e Saá, a empresa valenciana proxecta instalacións en Gomelle, tamén no termo municipal de Guntín, e na zona de Silleda.

No caso de Saa, a solicitude figura a nome de Investimentos Renovables Lucenses, a sociedade limitada creada para desenvolver o proxecto.

A empresa elixiu a parroquia lucense pola gran actividade gandeira da zona. A elección da leira tampouco foi casual senón que respondeu a que hai unha liña eléctrica moi próxima, para poder envorcar a enerxía. A parcela está á beira da estrada que une Lugo con Portomarín.

Gandeiros

Husesolar chegou a un acordo con Agris para a loxística do negocio. A cooperativa encargarase de recoller os xurros nas granxas e depositalos na planta. Unha vez extraído o metano, devolverá o fertilizante ás explotacións. «Se é posible, botarase xa nas leiras, porque así aforrarémoslle traballo aos gandeiros, explica Javier Barandela, xerente de Agris.

O servizo non terá ningún custo para os agricultores, polo que a vantaxe é evidente, afirma Barandela. Ademais, cheira menos e non perde calidade, afirma. «Se lle quita o cheiro e funciona igual de ben. É unha forma de encamiñar o tratamento deste residuo, porque o seu almacenamento é uns dos problemas que teñen os gandeiros e as condicións de manexo tenden a endurecerse», explica o xerente de Agris.

A cooperativa agrupa a uns 650 gandeiros de Lugo, Friol, Guntín, Palas de Rei, O Páramo e algúns concellos coruñeses limítrofes. O tamaño medio das explotacións é de entre 50 e 60 reses, xa que hai socios con pequenas granxas de 15 ou 20 vacas a ganderías de 150 ou 200.

Outros residuos

A planta de Santiago de Saa estará preparada para dixerir outros residuos agroalimentarios e cultivos enerxéticos (graxas procedentes de matadoiros, graxas e soros de leite, fariñas, silo de millo, soia, tabaco...), aínda que a previsión é que funcione fundamentalmente con xurro de vacún, segundo explicou o xerente de Husesolar.

En Galicia hai varias experiencias de produción de biogás, pero de momento ningunha con xurros. Na provincia de Ourense houbo un intento con residuos porcinos, pero non saíu adiante polo seu alto custo e o seu baixo rendemento.

«É unha tecnoloxía máis complexa que outras, máis que a solar, por exemplo, e en España non é tan rendible como en Alemaña, pero as vantaxes ambientais son evidentes. Ademais do metano que se deixa de emitir á atmosfera, evítase a produción de enerxía eléctrica por outros sistemas máis contaminantes», destaca o xerente de Husesolar. A empresa valenciana ten postas moitas expectativas no mercado galego.

INSTALACIóNS
Planta e liña de evacuación

O proxecto de Husesolar para Santiago de Saá contempla a construción de instalacións de geneneración mediante unha unidade de cogeneración, un circuíto de intercambio de calor, unha instalación receptora, un refrixerador de biogás e un aerorrefrigerador de urxencia, segundo figura no Diario Oficial de Galicia.

A planta levará un sistema de motorización para control automático e medición e un centro de transformación para poder alimentar os equipos coa enerxía xerada.

Quince metros

Instalarase, ademais, unha liña de media tensión subterránea de 15 metros para evacuar o resto da enerxía ata o punto de conexión facilitado pola compañía eléctrica da zona.

Comentarios