Un menor, detido por non identificarse mentres inhalaba disolvente

A Policía Nacional de Lugo detivo o pasado domingo 8 de marzo a un mozo de 17 anos que se negou a ser identificado polos axentes cando, supuestamete, inhalaba disolvente en plena rúa.

Os feitos ocorreron sobre as 20.00 horas, momento no que os funcionarios observaron a un grupo de mozos manipulando unha botella e impregnando un trapo co líquido que contiña, na rúa Soto Freire.

Así, achegáronse ao grupo composto por catro menores e comprobaron que un deles presentaba varios arañazos na cara. O mozo explicou que as feridas eran motivo de xogos entre eles. Ademais, os axentes viron que os menores estaban a inhalar a sustancia da botella, e dispuxéronse a identificalos.

Entón, o arrestado negouse a facilitar a documentación requirida, tras o que empezou a insultar aos policías e intentou fuxir. Ao parecer, a súa actitude agresiva puido deberse aos efectos producidos polo disolvente.

Deste xeito, os policías detiveron ao mozo, de nacionalidade marroquí, e trasladaron aos outros tres, dous tamén de procedencia marroquí e un de Vilargarcía, a dependencias policiais. Todos eles atopábanse ingresados nun centro de menores ao que xa foron reintegrados. Os feitos foron comunicados á Sección de Menores da Audiencia Provincial.

Comentarios