Un home que padece cataratas, citado a consulta en Lugo para decembro... de 2011

Un home que padece de cataratas foi citado a unha consulta de Oftalmoloxía para decembro de 2011 no hospital Xeral-Calde de Lugo, segundo denunciou este xoves o secretario provincial en Lugo da Federación de Servizos Públicos de UXT, Eliseo Rivas.
A central sindical concretou que, aínda que se lle convocou para dentro de dous anos, "despois aínda pasará á lista de espera para a intervención cirúrxica".

Neste sentido, Rivas manifestou que "as declaracións dos responsables do Servizo Galego de Saúde en canto a listas de espera son irrisorias". Tamén acusou á Xunta "de maquillar" os datos e de non "traballar coa transparencia que se debese". "Isto é indignante, que se nos tome o pelo así aos cidadáns", sostivo.

Eliseo Rivas recordou que recentemente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñecera que as demoras se incrementaron nunha media de dez días en todas as especialidades, polo que o representante sindical emprazou ao Sergas a que "analice cales son as causas".

Ademais, trasladou toda a responsabilidade á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, á que recriminou que "todas as medidas e iniciativas que vén tomando non están a obter resultados".

Rivas reprochou que se anuncian medidas, pero non se conta para nada cos traballadores e funcionarios do Sergas" que, segundo dixo, nestes momentos, "atópanse sen as súas retribucións e cunha situación de persoais certamente lamentable".

Comentarios