Un galego de ben

Xosé Manuel Fernández Varela (Foto: Sebas Senande)
photo_camera Xosé Manuel Fernández Varela (Foto: Sebas Senande)

non é doado escribir sobre un amigo, de quen coñeces virtudes e defectos, mais, neste caso, non só é unha débeda senón tamén unha necesidade. Podería falar do seu éxito profesional como avogado, da súa afección ás vacacións de inverno ou á moto, pero o máis importante é que sempre o vin disposto a axudar, cando se necesita. Xosé Manuel é unha persoa intelixente, honesta, traballadora e leal. Un nacionalista de ben, deses aos que non lles fai falta levar bandeiras para que o identifiquen, porque a súa práctica di quen é (avogado do SLG, Premio Pedro González, fundador de Xustiza e Sociedade...) Hai máis de trinta e cinco anos, tiven que «contactar» clandestinamente con el na época na que a Garda Civil quedaba sorprendida polo moito que traballaba na terra. Desde aquela fun testemuña do seu compromiso e mesmo da lealdade coa que ten respondido á chamada de quen o tiña afastado por «crítico». ¡Mágoa de selección adversa que deixa aos mellores na cuneta!

Hoxe hai demasiada xente que confunde o interese colectivo co seu propio (ou da súa organización), pero non é o caso de Xosé Manuel. Aínda que ultimamente debatemos moito, estou convencido que ten en conta as miñas ideas tanto como eu as súas, porque é desas persoas que senten este país e, ás veces, ate se cabrean coa nosa forma de ser, pero contribúen a construílo día a día, encarnando un proxecto nacional que nalgún momento transcenderá cativos intereses.

Comentarios