Un lume calcina dous vehículos nun concesionario de Lugo

Un lume rexistrado na noite do venres ao sábado calcinou dous turismos que se atopaban estacionados no taller do concesionario oficial de Renault da Estrada Vella de Santiago, no polígono da Louzaneta.

Os vehículos afectados —dous utilitarios de cor branca— pertencen a senllos particulares e atopábanse nas instalacións da empresa á espera de ser sometidos a unha reparación.

Tal e como confirmou este sábado o portavoz dos bombeiros, o incendio iniciouse sobre a unha e cuarto da madrugada nun dos coches e as chamas estendéronse rapidamente ao outro turismo, sen que afectasen o resto da flota que permanecía no recinto. Ademais, tampouco houbo que lamentar outros danos nas instalacións.

Os vehículos atopábanse na zona de talleres do concesionario, un espazo exterior, contiguo á nave, e rodeado por un muro de máis de dous metros de altura.

Causas
Tras recibir varias chamadas de cidadáns que alertaban  do suceso, a Policía Local e os bombeiros acudiron á zona e apagaron as chamas, dando por sufocado o incendio sobre as 1.30 horas.

Ata o lugar do sinistro trasladáronse igualmente varios efectivos da Policía Nacional, que recolleron os indicios pertinentes para tratar de esclarecer se o incendio foi provocado ou se orixinou por causas fortuítas.

á espera de que conclúan os resultados da investigación, a Policía Científica aínda mantén abertas diferentes hipóteses.

Comentarios