Un empuxón, un euro

O xulgado do Penal número 1 de Lugo impuxo onte unha multa de 45 euros a un home con iniciais M.P.I., acusado de empuxar a varios policías cando arrestaban ao seu amigo. Este último, con iniciais H.J.M.C. enfróntase á mesma pena por insultar e empuxar aos axentes, que trataban de disolver unha pelexa na rúa Mariña Española.

Os dous homes saíron ben parados do altercado, xa que o ministerio fiscal solicitaba inicialmente para eles sendas penas de dúas e catro anos de prisión, respectivamente, por un delito de atentado. Finalmente, a acusación pública cualificou os feitos como falta e reduciu a petición de pena a unha multa de 15 días a tres euros.

Bate

Tal e como se recolle no escrito de conclusións provisionais do ministerio fiscal, sobre as oito e media da mañá do 2 de novembro de 2010, os acusados atopábanse na rúa Mariña Española e encerelláronse nunha pelexa xunto a outro grupo de persoas.

Como consecuencia da violenta disputa, varias patrullas da Policía Nacional acudiron ao lugar dos feitos para intentar disuadir a pelexa e tranquilizar aos participantes.

Unha vez alí, varios policías dirixíronse ao acusado H.J.M.C. e pedíronlle que deixase de agredir aos seus adversarios, polo que o home encarouse con eles e empuxounos, «con ánimo de menoscabar o principio de autoridade».

Ademais, os axentes pedíronlle ao acusado que tirase o bate de béisbol que levaba na man, pero o acusado fixo caso omiso dos seus requirimentos e encarouse novamente con eles. Finalmente, e segundo argumenta a acusación pública, as forzas da orde tiveron que reducilo, «debido ao comportamento violento que mostraba».

Nese momento, cando os axentes trataban de reducir a esta persoa, o outro acusado, M.P.I., achegouse a eles e tratou de impedir a detención do seu amigo.

O home comezou a insultar e ameazar aos axentes, chegando a dicirlles: «ídesvos a decatar, teño unha noiva inspectora e ídesvos a cagar», chegando incluso a empuxalos en varias ocasións. Ningún dos policías resultou ferido.

EXTRANJERÍA
Un acusado xa foi expulsado de España

Durante a vista oral celebrada onte no Penal número 1, M.P.I., de orixe estranxeira e con residencia legal en España, recoñeceu os feitos e aceptou a multa solicitada polo ministerio fiscal. O outro acusado, H.J.M.C., sen residencia legal no país, xa foi expulsado do territorio nacional -tal e como explicou onte ao xulgado o departamento de Estranxeiría da Policía Nacional-, polo que non se presentou ao xuízo.

En busca e captura

O home foi declarado en busca e captura en España e se regresa ao país antes de que prescriba a falta terá que ser xulgado polas agresións aos axentes.

Comentarios