Tragsa seguirá retirando a basura dos puntos con alerta sanitaria

basuracol3.JPG
photo_camera basuracol3.JPG

O portavoz do equipo de goberno e concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Lugo, Luis Álvarez, anunciou hoxe que recorrerán aos servizos da empresa pública Tragsa para a retirada de residuos desde hoxe e ata que finalice a folga indefinida secundada por todo o persoal de Urbaser, composta por 139 empregados.

A piques de cumprirse dúas semanas do inicio da folga, Álvarez, acompañado polo alcalde, Xosé López Orozco, explicou que Tragsa farase cargo "a partir de hoxe pola noite da recollida cun considerable despregamento de medios" ata que se resolva o conflito "e retómese a actividade normal deste servizo".

O despregamento consistirá en seis camións compactadores para a recollida de lixo, tres de carga lateral e tres de carga traseira, dous camións de caixas abertas con escavadoras e "ademais persoal suficiente que ten autorizada a contratación desde os seus servizos xurídicos de Madrid", posto que "hai que facer unha recollida manual de todas as bolsas fóra dos colectores".

"A cidadanía ten que saber que o goberno ten que moverse dentro do marco legal que existe, estamos a ser escrupulosos no cumprimento do marco legal e así os dous pronunciamientos xudiciais foron favorables ao concello", sostivo Álvarez.

Pola súa banda, o alcalde asegurou que "teñen que saber que non deixamos de traballar, non fixemos abandono das nosas obrigacións".

En canto ao ultimato lanzado o pasado mércores á empresa Urbaser sobre unha posible rescisión de contrato se non se cumprían os servizos mínimos en cinco días, Álvarez explicou que ese prazo empeza a contar desde hoxe.

Comentarios