Susana Seivane substitúe por enfermidade a Concha Buika e Rosendo, a Placebo

A gaiteira galega Susana Seivane substituirá esta noite á Concha Buika na programación de San Froilán, despois de que a cantante mallorquina suspendese o concerto que tiña previsto para as 20.30 na Praza de Santa María. O Concello tamén anunciou que o rockeiro español Rosendo será o substituto do grupo Placebo, cuxa actuación estaba programada para o día 8.

A suspensión de Buika foi anunciada na mañá deste martes, día de San Froilán, poucas horas antes do concerto. Ao mesmo tempo, o Concello anunciou que traballaba para buscar un substituto e que barallaba dúas opcións.

A cantante mallorquina suspendeu o seu concerto debido a que o seu pianista tivo que ser hospitalizado, ao sufrir unha gastroenterite vírica. O grupo non tivo tempo para buscar un substituto.

A aquelas horas, Nuria Mundiña, concelleira de Cultura, sinalou que se traballaba buscando un substituto para Placebo. “Manexamos dous ou tres opcións”, concretou a axénciaa Efe. A media tarde, o Concello confirmou que será Rosendo a substitución de Placebo.

O grupo británico suspendeu o xoves o que quedaba da súa actual xira por recomendación médica. Os médicos recetaron repouso a Brian Molko, líder da banda.

A actuación de Rosendo é custeada polo Concello, mentres que a de Placebo ía ser pagada polo Xacobeo 2010. Esta sociedade anónima anticipou que mantén en pé a súa idea de celebrar en Lugo a actuación dalgún grupo internacional. O Xacobeo tamén financia o concerto de Joaquín Sabina en San Froilán, o vindeiro luns.

Seivane e Rosendo xa actuaron antes en San Froilán. A gaiteira, con orixes familiares en Ribeira de Piquín, chegou a ler o pregón das festas de 2006, ano en que tamén ofreceu un concerto. O rockeiro madrileño tocou no San Froilán en 2003, curiosamente, tamén un 8 de outubro.

Más en Lugo Ciudad
comentarios