Stop Desafiuzamentos negocia en Lugo unha solución para catro desaloxos

A plataforma Stop Desafiuzamentos Lugo acudiu este martes á oficina principal de Novagalicia Banco na cidade para negociar coa entidade a solución a catro desaloxos, dous deles na capital lucense e outros dous en Abadín e Viveiro.

O portavoz, Pancho Torrente, concretou que se trata de familias que "teñen problemas coas súas hipotecas", para seguidamente protestar porque "os casos con problemas para pagar a hipoteca e as ameazas de desafiuzamentos non é que vaian a menos, é que van a máis".

Sobre estes catro procedementos, Torrente explicou que "son diferentes entre se", aínda que a "característica común" é que se trata de xente "que perdeu ingresos e a causa máis común de perdida de ingresos vén dada pola perdida do emprego".

Precisou que a entidade esperará a ver o que lles ofrece o banco, advertindo que a postura que defenden desde a plataforma cara a estes casos é "moi flexible". "O importante ao final é que quede unha alternativa asumible cos recursos que ten o interesado", explicou.

A Novagalicia Banco vanlle a solicitar que "teña en conta a situación da xente para dar alternativas asumibles". "Se falamos de Novagalicia Banco, coa cantidade de diñeiro que puxemos, máis de 9.000 millóns de euros, teñen que estar obrigados a botarlles unha man ás familias", sentenciou.

Comentarios