Rouban a carne de dous porcos recentemente sacrificados nas Gándaras

Autores descoñecidos aproveitaron que os membros dunha familia da zona de Piñeiro deixaron durante uns momentos de vixiar a carne dos porcos que acaban de matar, no barrio lucense das Gándaras, para roubar dous dos catro animais sacrificados, que os propietarios gardaban nun alpendre, segundo informaron fontes policiais a AGN.

O roubo foi perpetrado sobre as catro da tarde do pasado sábado, día 3 de decembro, mentres que a familia facía un descanso para comer. Os ladróns accederon ao interior do alpendre, que estaba pechado, desmontando unha das uralitas do teito. Unha vez dentro, fixéronse coa carne de dous porcos que foran sacrificados esa mesma mañá, así como cun grupo electrógeno e cunha machada.

Axentes do Corpo Nacional de Policía abriron unha investigación para tratar de identificar e deter aos presuntos autores destes roubos. Os propietarios calculan que o valor da carne substraída, así como dos outros efectos roubados, pode ascender, en total, aos 1.000 euros.

O subdelegado do Goberno en Lugo, Jesús Otero, recoñeceu que nesta época do ano, cando as familias que viven nas zonas rurais "fan provisión de comida", mediante as matanzas domiciliarias, aumenta este tipo de roubos.

De feito, nas últimas semanas foron denunciadas en Lugo os roubos de polo menos outra matanza, dun porco vivo, duns 100 quilos de peso, duns 50 coellos e de dez galiñas e pitos. Por iso, o Corpo Nacional de Policía aconsella aos propietarios de explotacións gandeiras que teñan especial coidado cos seus animais nesta época, fundamentalmente co despezamento das matanzas domiciliarias, posto que é o resultado do traballo de todo un ano.

Comentarios