Renault inaugura no Ceao novas instalacións de 7.000 metros cadrados

Renault Ibericar Gestoso abriu onte as súas novas instalacións no polígono do Ceao, un concesionario con máis de 7.000 metros cadrados de superficie onde se porán á venda os diferentes modelos que Renault e Dacia teñen no mercado.

No acto interviñeron o director xeral de Renault España, Armando García Otero; e o director xeral do establecemento lucense, José Ángel Gestoso. Ambos coincidiron no seu discurso en destacar a firme aposta da casa por ampliar a oferta en Lugo nun momento de dificultade xeral para o país, que se reflicte nunha recesión do propio sector. Fixeron fincapé na importancia do mercado lucense no desenvolvemento estratéxico da empresa na península, razón pola que se optou por unhas instalacións máis amplas e renovadas. «O novo espazo está creado co obxectivo de estar máis preto de Lugo e dos seus clientes», destacaron.

Gestoso recordou que a empresa xestiona o concesionario Renault desde fai máis de 40 anos e, implantado en Lugo desde o ano 2003, uniuse en 2008 ao grupo de automoción mutimarca Ibericar, con instalacións Renault e Dacia, ademais de en Lugo, na Estrada, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Viveiro e Lalín.

Como é habitual no novo establecemento poderase atopar toda a gama de vehículos Renault e Dacia, tanto en turismos como en vehículos comerciais. Ademais, a oferta inclúe unha ampla variedade de marcas e modelos de ocasión e seminovos.

Así mesmo, os clientes dispoñen dun completo servizo de taller. Segundo destacouse na presentación «a prestación de servizos do automóbil realízase ao máis alto nivel de calidade, co potencial do seu excelente equipo humano, a axuda da máis alta tecnoloxía en materia de automoción e o absoluto respecto ao medio ambiente nos seus procesos de traballo».

O acto contou tamén coa presenza de Miguel Ramos Caetano, conselleiro delegado do Grupo Ibericar en España; Paulo Araújo, director xeral en España do Grupo Ibericar no ramo de Automoción; Carlos Frade, director de vendas de Renault España Comercial e Francisco Montejo, director rexional de Renault na Zona Norte. Tamén se achegaron clientes e amigos do persoal de Renault en Lugo para acompañarlles na celebración.

Comentarios