Recuperan en Lugo un furgón utilizado para roubar 15 porcos en Santiago

Axentes do Corpo Nacional de Policía recuperaron en San Vicente de Pías, no municipio de Lugo, un furgón que fora roubado en Santiago de Compostela, entre a tarde do día 20 e as nove da mañá do 21 de decembro, e que posiblemente foi utilizado para subtraer quince porcos dunha granxa situada en San Marcos, tamén no termo municipal da capital de Galicia.

Un particular chamou á primeira hora da tarde do luns 22 de decembro ao teléfono de urxencias 091 da Comisaría Provincial de Lugo para informar de que en San Vicente de Pías vira un furgón abandonado nun escampado. Inmediatamente, funcionarios da Brigada de Seguridade Cidadá desprazáronse ao lugar indicado e atoparon un vehículo, un Ford Transit con matrícula portuguesa, que tiña unha dos portelos fracturados.

Logo de realizar as pertinentes investigacións, os axentes comprobaron que o furgón fora subtraído en Santiago de Compostela. Ademais, todo parece indicar que o mesmo vehículo foi utilizado para roubar quince porcos dunha granxa de San Marcos, posto que no propio vehículo apareceron indicios que reforzan esa hipótese.

Os animais subtraídos foron valorados polo seu propietario en 1.800 euros. Ademais, os autores do roubo levaron da granxa 40 litros de gasóleo e unha amoladora. Pola súa banda, o dono do vehículo botou en falta varias ferramentas que gardaba no interior do mesmo, como un medidor láser, unha pistola de cravos, un trade e distintas pezas de roupa de traballo.

Axentes da Policía Nacional de Lugo e Santiago de Compostela iniciaron unha investigación para identificar aos presuntos autores destes roubos, co obxectivo final de proceder á súa detención.

Comentarios