Placebo suspende o concerto en Lugo e o resto da súa xira

Placebo, en una foto de su web
photo_camera Placebo, en una foto de su web

A banda británica de rock Placebo cancelou os seus concertos de Mallorca, Madrid e Lugo, previstos para os días 2, 5 e 8 de outubro, respectivamente, debido aos problemas de saúde do seu cantante e líder, Brian Molko. Ademais destes dous concertos, a banda tamén cancelou as actuacións que tiñan previsto ofrecer este mes de outubro en Lisboa, Seúl e Tokyo.

Nun comunicado, Placebo lamenta a cancelación do resto de datas incluídas no tour 2010. "Desafortunadamente, Brian Molko atópase mal e os médicos ordenáronlle repouso total", declararon. Así mesmo, o grupo pide desculpas aos fans que compraron as entradas e agradécelles o seu apoio.

"é un xeito horriblemente decepcionante de concluír a nosa xira 'Battle for the sun' e odiamos defraudar aos nosos seguidores cancelando concertos. Sempre intentamos asegurarnos de que podemos cumprir o que prometemos así que só podemos pedir perdón por non poder acudir ás vosas cidades a actuar", sinalan.

O importe das entradas adquiridas para os concertos de Mallorca e Madrid comezarase a devolver a partir deste venres, 1 de outubro.

O outro concerto do Xacobeo
A actuación de Placebo, patrocinada polo Xacobeo, era unha das principais citas do programa do San Froilán 2010 de Lugo. A localización do concerto, na Praza Horta do Seminario, incluso xerara un forte polémica política, xa que o PP e varios grupos veciñais consideran que o lugar era pouco adecuado, por problemas de seguridade.

Outra das grandes citas do San Froilán, o concerto de Joaquín Sabina o 11 de outubro, o único de pago das festas, tamén se viu ameazada polo estado físico do cantautor español. Sabina tivo que suspender varios dos concertos da súa xira 'Vinagre y rosas' a consecuencia dun accidente doméstico que sufriu hai uns días. Con todo, o cantante mantén, no calendario actualizado de actuacións as súas citas para os días 7 de outubro en Murcia, 9 en Santiago e 11 en Lugo.

Como curiosidade, as actuacións de Placebo e Sabina están patrocinadas polo Xacobeo 2010. A sociedade pública galega confirmou pola tarde esta noticia.

Buscando ''o mellor do pouco que hai''

Despois de que o grupo británico Placebo anunciase a cancelación dos concertos, Molko, o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia —a través do Xacobeo— puxéronse a buscar no mercado nacional e internacional para suplir esa importante ausencia do programa das festas patronais de San Froilán.

"Intentaremos que sexa o mellor do pouco que temos para elixir, esa é a idea que mantemos as dúas partes", afirmou a concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, principal responsable das patronais lucenses. En todo caso, tamén recoñeceu que será "moi difícil" cubrir o "baleiro" que deixa o trío británico, porque "teñen que coincidir moitas variables ao mesmo tempo".

"Estamos a revisar as xiras e non hai moito onde elixir. Intentaremos que sexa unha atracción de carácter internacional, para manter o mesmo nivel, pero se non é posible teremos que mirar cara a algún grupo nacional", dixo Mundiña. Ademais, confirmou que, en principio, "buscarase unha actuación para a mesma data, de forma que non haxa que cambiar nada máis no programa".

En todo caso, xa anunciou que o Concello de Lugo será flexible e non se descartan máis cambios no programa", porque o importante é que "non quede ningún día baleiro" e menos o 8 de outubro, data na que estaba prevista a actuación de Placebo, prato forte destas patronais.

Comentarios