Placebo actuarán en Lugo da man do Xacobeo

O grupo británico Placebo será o prato forte das festas de San Froilán, a onde chegará da man do Xacobeo e do Concello de Lugo. O concerto do trío británico, que será gratuíto, celebrarase o venres 8 de outubro na Praza Horta do Seminario a partir das 22.30 horas.

Na organización deste concerto interveñen a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e o Concello de Lugo. A primeira encárgase da contratación da formación británica e o segundo de toda a produción do espectáculo enmarcado nas festas de San Froilán.

O anuncio da contratación dun grupo internacional que actuaría en Lugo fíxoo o director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, na presentación, o pasado 30 de xullo, da programación de Xacobeo 2010 en toda a provincia. Agora este anuncio materialízase coa confirmación da presenza de Placebo en Lugo.

De feito, na provincia de Lugo, Xacobeo 2010 ten programadas de agosto a decembro 63 actividades culturais en máis de 30 concellos. Asemade, entre os meses de xaneiro e xullo, celebráronse en Lugo un total de 93 eventos incluídos na programación de Xacobeo 2010.

TRAXECTORIA

A banda británica Placebo, formada no ano 1994 en Londres, está composta actualmente por Brian Molko, Stefan Olsdal e Steve Forrest. O seu último disco, 'Battle for the Sun', lanzouse o pasado ano e está marcado por temas optimistas. En total, desde 1996 o trío británico sacou ao mercado seis álbumes cos que colleitou grandes éxitos en todo o mundo.

Ao longo destes catorce anos de carreira, Placebo vendeu máis de oito millóns de discos. No mes de outubro, Placebo tamén recalará coa súa xira europea en Madrid, Mallorca e en Lisboa

Comentarios