''O segredo para cociñala é limpala moi ben''

Luis García López  é dono e cociñeiro de 'O Lar de Adrián', que celebra unhas xornadas sobre a lamprea 

Ata cando celebran estas xornadas gastronómicas?

Ata finais de marzo, porque desde agora ata o San Xosé é a mellor época para a lamprea.

Por que elixiu este peixe?

A miña muller é natural de Arbo (Pontevedra), onde é o prato típico. Teño a receta de como se prepara alí.

Cal é o segredo para a súa preparación?

O segredo é limpala moi ben porque leva unha capa de graxa por fóra e quitarlle o veleno que bota porque senón dalle un sabor agre.

Como a cociña?

A preparación é a bordelesa, no seu propio sangue. Utilizo viños do Condado, como fan en Arbo. Botolle tamén unha herba aromática típica desa zona, que lle chaman poxo, que medra na beira do río. É como a cociña de toda a vida, a tradicional. Faise a lume lento nunha cazola de barro.

Só a prepara deste xeito?

Por encargo tamén a elaboro rechea e á prancha, que así é afumada; en fideuá e empanada. É un peixe que pesa 1,2 quilos que merma moito. Pódese pedir por racións ou enteiro.

Os que a probaron din que gusta ou non, que non hai termos medios...

Así é, ou gusta ou non. Pasa como coa caza. Ten un sabor típico.

Comentarios