O primeiro centro público de recría de vacún de España abrirá en Lugo

Álvaro Santos espera que as instalacións estean listas na primavera para acoller ás xovencas

O primeiro centro público de recría de vacún de España abrirá as súas portas, previsiblemente na primavera, segundo informou este venres en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos.

Álvaro Santos fixo este anuncio no transcurso da rolda de prensa posterior á reunión da xunta de goberno da Deputación de Lugo, na que se aprobou un investimento de 300.000 euros para realizar novas obras nas instalacións do centro de recría, para liquidar deficiencias detectadas no proxecto inicial. A intención do goberno local é levar ao pleno de novembro a aprobación dos pregos para a concesión administrativa.

O vicepresidente da Deputación explicou que unha vez aprobadas as bases para a concesión administrativa das instalacións, que teñen que ser publicadas no Boletín Oficial da Unión Europea, o prazo para facela efectiva será duns tres meses. Por iso, calcula que "a próxima primavera" poderían entrar xa "as primeiras xovencas" no centro, logo dun investimento que, segundo o goberno provincial, elevouse a uns 40 millóns de euros.

Comentarios