Música para apelar á conciencia

ELP1112P8F1.JPG
photo_camera ELP1112P8F1.JPG

Música e solidariedade déronse onte a man no Conservatorio de Música de Lugo, que acolleu un emotivo concerto dedicado nesta ocasión aos dereitos humanos. Profesores e alumnos sacaron o mellor dos seus instrumentos para deleitar ao público asistente, que gozou da actuación e dunha posta en escena sinxela e elegante. No evento participou a orquestra do centro e tamén un coro, que afinou a voz por unha boa causa. Ademais, o acto organizado polo Conservatorio lucense -que dirixe Luz Hermida- incluíu unha lectura de textos da declaración universal dos dereitos humanos. Hoxe será o colectivo de Amnistía Internacional o que se manifestará con este fin. Será na Praza Maior de 11.00 a 13.00 horas.

A cantante Lucrecia inaugurou a pista de xeo das Termas

A cantante e presentadora Lucrecia inaugurou onte de forma oficial a pista de xeo que o centro comercial As Termas instalou na súa entrada principal para celebrar o seu quinto aniversario. O acto -que tamén contou coa participación de Francisco Lambea Pinacho, xerente do centro comercial, e Miguel Suárez Cedeira, xerente de PGA Eventos- combinou o frío lucense co caloroso recibimento que o público da cidade brindou á mestra de cerimonias. A pista de xeo permanecerá aberta durante máis dun mes e ofrecerá aos lucenses distintas propostas de lecer e entretemento.

Entrega de premios do concurso de fotografía de Seur

O concelleiro de turismo, José Manuel Díaz Grandío, e o director comercial de Seur Lugo, Roberto Tomé, entregaron os premios do concurso de fotografía de Lugo convocado a través das redes sociais de internet no marco de Lugo10. Na categoría Muralla gañaron Diego Fernández, Héctor Castiñeira e Lucía Armiño; en Lugo merece un dez, Héctor Castiñeira, Manuel Díaz e Francisco Barreal; e en Seur con Lugo10, Lucía Armiño, Clara Ayán e Rosa López. No certame participaron medio centenar de persoas con 146 imaxes. Os primeiros clasificados recibiron como premio unha cámara dixital compacta; os segundos, unha minicadena HI FI estéreo, e os terceiros, un libro edición especial Seur de Joaquín Araújo e unha chave usb.

Presentación dun curto sobre a muralla

A deputada provincial Regina Polín e a concelleira de mocidade de Lugo, Rosana Rielo, entregaron os diplomas aos participantes no curso de curtametraxes sobre a muralla organizado no marco de Lugo10. Os 15 participantes, de entre 14 e 30 anos de idade, recibiron 50 horas de formación -20 teóricas e 30 prácticas- que se desenvolveron na Fundación TIC. Posteriormente, os cursillistas aplicaron os coñecementos adquiridos coa gravación de un corto na muralla. A película, duns seis minutos de duración e que foi proxectada durante a entrega dos diplomas, titúlase ‘Se as pedras falasen'. Esta iniciativa sumouse ao concurso de curtos e maquetas celebrado anteriormente.

Comentarios