Nutrición humana e dietética. Moito máis que contar calorías

O asesoramento na nutrición clínica é unha das saídas desta profesión (Foto: EP)
photo_camera O asesoramento na nutrición clínica é unha das saídas desta profesión (Foto: EP)

 A presenza das Ciencias da Saúde no campus de Lugo incrementouse con este título, que comezou a implantarse o curso pasado na facultade de Ciencias. Unha profesión cun campo cada vez máis amplo e recoñecido nunha sociedade moi preocupada polo que come


A facultade de ciencias lucense é a única que imparte en Galicia o grao de Nutrición Humana e Dietética, que substitúe á licenciatura de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos que se viña desenvolvendo no centro nos últimos anos. Aínda que teñen moito en común, existen grandes diferenzas entre ámbalas dúas, e de feito pertencen a ramas distintas: Tecnoloxía intégrase nas Ciencias Experimentais e Nutrición na de Ciencias da Saúde.

A profesión de dietista e nutricionista está regulada na Lei de Ordenación de Profesións Sanitarias e segundo a definición de Federación Europea de Asociacións de Dietistas, estes profesionais están « cualificados e legalmente recoñecidos para poder aconsellar unha boa alimentación, tanto para grupos de persoas en bon estado de saúde coma os que necesitan un réxime terapéutico».

En realidade, o seu campo de actuación é máis amplo e cada día máis visible nunha sociedade moi preocupada pola alimentación. Os coñecementos inclúen tamén formación no eido da elaboración e conservación dos alimentos, na calidade e seguridade alimentaria e na relación entre a alimentación e a saúde.

Este coñecemento acádase a través de disciplinas moi diversas, entre as que teñen unha forte presencia as áreas científicas da Química, Microbioloxía, Fisioloxía, Dietética, Bioquímica, ou a Biotecnoloxía.

Historia dos estudos

Os estudos universitarios específicos do ámbito alimentario en España teñen pouca antigüidade, segundo se recolle na propia memoria do título. Non é así, porén, en moitos países de Europa e nos Estados Unidos, onde se levan desenvolvendo estudos sobre alimentación desde a primeira metade do século XIX.

En España, pola contra, non se creou o título oficial de diplomado en Nutrición e Dietética ata 1998. Oito anos antes, no 1990, creárase o de Licencia en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.

Antes desta data, a formación dos profesionais no eido alimentario non era específica nin integrada nun bloque de estudos. Contemplábase por separado nas titulacións de Enxeñaría Agrónoma, Enxeñaría Técnica Agrícola, ou as licenciaturas de Veterinaria, Farmacia, Química e Medicina, principalmente. Estas titulacións seguen tocando este eido desde distintos enfoques.

En moitos casos, os profesionais do ámbito alimentario que querían complementar a súa formación con coñecementos de Ciencias da Alimentación recurrían a posgraos ofrecidos en diversas universidades españolas.

Orientación

A Lei de Ordenación de Profesións Sanitarias considera que os graduados en Nutrición Humana e Dietética «desenvolven actividades orientadas á alimentación e nutrición da persona o de grupos de persoas, axeitadas ás súas necesidades fisiolóxicas e, no seu caso, patolóxicas, de acordo cos principios de promoción da sáúde, prevención e tratamento dietético nutricional».

Mentres a Licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos se centraba en proporcionar a formación científica axeitada e os aspectos básicos e aplicados dos alimentos, as súas propiedades, a súa produción e elaboración para o consumo», segundo especifica o Libro Blanco da profesión realizado pola Aneca, a profesión de dietista-nutricionista leva implícita a educación alimentaria e nutricional en calquera dos campos onde se poida exercer.

Especialidades

O dietista pode actuar en ámbitos moi distintos, con funcións específicas en cada caso, segundo se específica na memoria que xustifica o título que se imparte na facultade de Ciencias. Así, o clínico actúa sobre a alimentación de persoas sas ou enfermas (neste último caso despois do diagnóstico médico), tendo en conta as necesidades fisiolóxicas (ou patolóxicas se é o caso), preferencias personais, socioeconómicas, relixiosas ou culturais.

Na súa vertente comunitaria ou de saúde pública -vencellado á prevención e promoción da saúde- actúa sobre a poboación en xeral, desde entidades diversas, desenvolvendo e participando en programas de políticas alimentarias, de prevención e saúde en xeral, e de educación alimentaria, dentro do marco da saúde pública.

O dietista tamén ten un papel na restauración, onde pode participar na xestión e na organización e onde se encarga tamén de velar pola calidade e salubridade dos alimentos durante todo o proceso de produción. Forma ao persoal do servizo de alimentación en materia de seguridade alimentaria, planifica menús e valora o equilibrio nutricional da oferta alimentaria.

No ámbito da industria, o graduado en Dietética Humana e Nutrición asesora na innovación de novos produtos e no marketing social relacionado coa alimentación.

Como moitas outras profesións, tamén pode ter unha saída na docencia, onde actúa como formador en centros públicos e privados onde se imparten coñecementos sobre alimentación, nutrición e saúde.

Moi vencellada a esta última saída profesional está tamén a posibilidade de realizar investigación. O dietista investigador está capacitado para integrarse nun equipo multidisciplinar de investigación e desenvolvemento e potencia a investigación na área da alimentación, a nutrición e a saúde.

Plazas

Durante os primeiros dous anos de implantación, o Grao en Nutrición Humana e Dietética de Lugo oferta 40 prazas de ingreso debido á necesidade de combinar a súa implantación coa extinción do título ao que substitúe. A partir do terceiro ano, está previsto que se amplíe a 60 plazas. A docencia está planificada para que en ningún caso se sobrepasen os grupos teóricos de 80 alumnos; os prácticos de 20 alumnos, e os dez alumnos en tutorías e traballos dirixidos.

As materias danse en español e galego, aínda que se contempla o inglés para o manexo de documentación específica ou bibliografía especializada.

CUALIDADES
Recoméndase un perfil científico-tecnolóxico

A memoria do Grao en NutriciónHumana e Dietética sinala que a titulación é especialmente axeitada para alumnos cunha formación de perfil científico-tecnolóxico. Dentro deste eido, resulta «recomendable, pero non imprescindible», ter cursado materias de matemáticas, bioloxía, física e química para facerse comodamente cos coñecementos que se imparten.

Aptitudes persoais

Ademais da formación anterior, é convinte que o futuro estudante do Grao en Nutrición Humana e Dietética teña habilidade para o cálculo, capacidade de razoamento lóxico, de análise e de comprensión abstracta, habilidade deductiva, método e rigor no traballo e interés pola investigación e a experimentación.

PRÁCTICAS
Hai convenios con empresas 

No ano académico 2010-2011 matriculáronse 35 alumnos no primeiro curso, cunha nota de corte en xuño de 8,1.

O plano de estudos inclúe a obriga de facer prácticas equivalentes a 24 créditos dos 240 totais. Para iso, a facultade ten convenios con asociacións, entre elas a Asociación Galega de Dietistas Nutricionistas; administracións, como o Concello de Lugo ou a Deputación; e firmas como Ingapan, Pescanova, Leite Río, Asogacarne, Coren, Fontecelta, Jealsa ou Rianxeira, entre outras.

Instalacións

A facultade de Ciencias, unha das máis antigas, ten wifi en todo o edificio, ademais de aulas de informática, salas de estudo, sala de reunións, salón de graos e salón de actos. O novo edificio de laboratorios estrearase a primeiros deste curso.

Comentarios