Lugo vive a súa noite máis máxica

Miles de lucenses reuniranse esta noite en torno ao lume purificador das fogueiras de San Xoán. As lendas, tradicións e mitos que se vinculan a este festexo son incontables, pero a realidade mostra un ambiente excepcional no que familias enteiras acoden en masa a unha celebración única. O lume é o principal reclamo da noite, pero as sardiñadas, churrascadas e verbenas tamén serán protagonistas.
Montirón ? A fogueira con maior tradición da cidade
Os veciños do barrio lucense de Montirón conseguiron, co paso dos anos, organizar a fogata con máis tradición da cidade. Non en balde, son miles os lucenses que se desprazan alí para ver a súa excepcional fogueira.
O lume comezará sobre as 23.30 horas, pero antes celebrarase unha sardiñada na que se repartirán uns 100 quilos deste produto. Ademais, a asociación de veciños de Montirón sorteará esta noite un poldro. Ata o momento xa se venderon 600 rifas.
A Piringalla ? Máis de 3.500 racións de becerro ‘ó espeto'
A Milagrosa e A Piringalla non verán este ano, por segunda vez consecutiva, as chamas de San Xoán. O crecemento na zona impide que se organice a fogueira, xa que podería danar as zonas verdes. Con todo, os veciños gozarán de máis de 3.500 racións de becerro ‘ó espeto', que se repartirán desde as 20.30 horas. Haberá, ademais 100 quilos de pan, 140 de pementos, 200 litros de cervexa e viño gratis. A orquestra ‘Triunfo' amenizará a velada.
O Castiñeiro ? Sardiñas e música para unha noite especial
O Castiñeiro quenta motores para acender a súa fogueira ás 23.00 horas. Antes, ás 21.30, repartiranse 100 quilos de sardiñas, 50 de pan e 60 litros de viño. A noite pecharase coa actuación dunha orquestra.
Conturiz ? Unha gran queimada despedirá ao lume nocturno
Conturiz celebrará San Xoán cunha churrascada, na que haberá 40 quilos de carne, varios queixos e viño da Ribeira Sacra. A fogueira acenderase ao redor das 20.30 horas e pecharase a noite cunha queimada e un baile.
Pías ? Chamas, comida e un concerto de acordeón
Os veciños de Pías reuniranse esta noite ao redor da fogueira con 30 quilos de sardiñas e 50 de churrasco. Os asistentes só terán que correr cos gastos da bebida. Un dos veciños da zona, Rubén López, estudante de música, amenizará a noite cun concerto de acordeón.
Esperante ? Familias enteiras avivarán o lume máxico
O lume de San Xoán reunirá ás familias de Esperante nunha noite na que se distribuirán 40 quilos de churrasco, petiscos morunos, pan e viño. O colofón porano as sobremesas caseiras elaborados por mulleres da zona.
Comarcas de Lugo e A Ulloa ? Cita coa gastronomía popular
Os comuneiros de Portomarín celebran no campo da feira, desde as 21.30 horas, unha cea con máis de 300 comensais onde non faltará a música do dúo ‘Yoara'. Ademais, a asociación ‘Espalladoira' de Castroverde celebra ás 23.00 horas en Tarrío unha sardiñada e unha queimada.
Na Ulloa. ‘O Cairón' organiza na Cúpula de Monterroso unha festa que arrinca ás 21.00 horas con sardiñas, queimada e a tradicional fogata. á mesma hora comeza en Pas un convite gratuíto organizado polo Concello con sardiñas, viño e o popular queixo da Ulloa. Aínda que en Antas non haberá patronais en honra a San Juan, a comisión veciñal celebra no complexo castrexo, desde as 22.00 horas, unha sardiñada. Ademais, ás 23.00 horas o grupo teatral ‘Ale Hop' representa ‘Lenda'. En Melide, detrás da capela de San Roque, haberá chocolatada da asociación ‘Catasol' desde as 22.30 horas con degustación de sobremesas caseiras.
Sarria ? Actuacións musicais e espectáculo de lume 
As principais actividades pola noite de San Xoán na comarca celebraranse en Sarria, onde dan comezo as patronais. O aceso da fogueira será ás doce da noite, ao que seguirá o espectáculo de lume ‘Correfoc' da compañía catalá ‘L'avalot', ao que se recomenda asistir con roupa vella. As celebracións comezarán ás 22.00 horas cunha pancetada e queimada, ademais das actuacións de Treba ‘Seurra', ‘Xarín' e ‘Eoras'. Ademais, asociacións e veciños organizan en diversas localidades a fogueira, como en Trasliste (Láncara), onde haberá unha comida.
Terra Chá ? Oitenta quilos de sardiñas en Vilalba
Vilalba organiza por primeira vez unha sardiñada popular na Praza de Santa María, na que o Concello e os hostaleiros prevén repartir uns 80 quilos de peixe desde as 21.00 horas. En Guitiriz, a sardiñada que se organiza cada ano na Rúa Forxá dará comezo ás patronais de San Xoán. Terá lugar ás 22.00 horas e tras ela, actuará a orquestra ‘París de Noia'. Meira tamén terá a súa sardiñada e a súa fogueira ás 21.00 horas na Praza Maior amenizada por música de gaitas. O Concello de Cospeito organiza na Granxa Garabullos un San Xoán para os máis pequenos con actividades lúdicas desde as 18.00 horas de hoxe ata as 12.00 de mañá.
Ribeira Sacra ? Festas no barrio monfortino dos Chaos
Hoxe e mañá o barrio dos Chaos de Monforte celebra as festas en honra a San Xoán. Na xornada de hoxe, a charanga ‘Unión Monfortina' percorrerá as rúas do barrio desde as 11.00 horas e tocará na Praza do Piñeiro ata as 14.00 horas. ás once da noite haberá misa, salto de fogueiras e repartición de roscas. O baile estará amenizado por Anduriña'. ‘Mañá, unha charanga e a banda municipal do Concello de Monforte animarán a xornada matinal. Os bailes de tarde e noite estarán amenizados por Anagrama' ‘e ‘Unión Monfortina'.
Ademais, o barrio chantadino da Alameda, en plenas festas patronais, celebra unha sardiñada a partir das 20.00 horas para despois queimar unha ‘bruxa' na fogata. Unha verbena pechará a noite festiva. En Taboada a asociación ‘Carballo' celebra ás 21.00 horas unha sardiñada, unha pancetada e unha queimada na praza de Riazón.
A Mariña ? En Covas arderán 30 toneladas de madeira
Aínda que asociacións e veciños acenderán fogueiras en toda a comarca, a de San Xoán de Covas será a de maiores dimensións. Trinta toneladas de madeira seleccionada por un veciño arderán desde as 23.30 horas. As ramas de restos de curtas e de madeira tirada nos montes serán trasladadas no remolque dun tractor, que fará seis viaxes.
A Montaña ? Comezan as patronais en Becerreá
A noite de San Xoán coincide co inicio das festas patronais de Becerreá, que conclúen mañá. Na parroquia fonsagradina de Carballido haberá desde as 22.00 horas churrasco, fogueira e música de Vos ‘nosos gaiteiros'. En Baralla, o Concello organiza á mesma hora unha pancetada con pan e viño. Nas Nogais a asociación de empresarios celebra un convite con sardiñas e churrasco desde as 20.30 horas no seu local.

Comentarios