Lugo ten sombras nos seus accesos

Ronda Norte, sin iluminación (Foto: S. Senande)
photo_camera Ronda Norte, sin iluminación (Foto: S. Senande)

Os accesos e vías de circunvalación da capital lucenses teñen claroscuros debido á deficiente ou nula iluminación que presentan vías de alta intensidade de tráfico como a Ronda Norte, a estrada do Rato -usada agora como vía de conexión co novo hospital- ou dous tramos da Avenida Duquesa de Lugo.

O caso máis rechamante de falta de visibilidade é a Ronda Norte, unha estrada de circunvalación cuxo titular é o Ministerio de Fomento e que desde a súa inauguración no ano 2001 carece de iluminación. A apertura do hospital Lucus Augusti e da conexión do Ceao co novo polígono industrial das Gándaras multiplicou o tráfico nesta vía, á que agora só aluman os farois instalados nas rotondas do novo parque empresarial, que a pesar de estar completamente baleiro si conta cunha potente iluminación durante toda a noite.

O perigo increméntase os días de choiva e néboa, onde os condutores teñen que conducir con moita precaución. Ademais, algunhas vías de acceso a esta rolda, como a estrada de enlace con Duquesa de Lugo, son transitadas por peóns procedentes do centro comercial próximo e que teñen que camiñar na máis completa escuridade.

Os Orzamentos do Estado contemplaban en 2009 unha partida de 700.000 euros para a iluminación e desdobramento desta vía, aínda que non chegou a iniciarse. En setembro pasado, o alcalde José López Orozco e o entón titular de Fomento, José Blanco, asinaron un convenio polo que o ministerio se comprometía a redactar os estudos para a execución desta obra, aínda que co cambio de Goberno nada se sabe aínda sobre o futuro desta necesaria actuación.

Pero se a situación da Ronda Norte é alarmante, o mesmo ocorre con outra vía sen iluminación, a estrada do Rato, que multiplicou por catro a circulación de vehículos desde a apertura do Hula. A Deputación, que é a administración titular deste viario, xa iniciou traballos para mellorar a seguridade da calzada por mor da escalada de accidentes de tráfico rexistrada nos últimos meses. Con todo, non se comprometeu de momento ningunha partida para instalar farois nas marxes da estrada.

Tampouco está previsto de momento instalar iluminación pública en dúas dos tramos da Avenida Duquesa de Lugo onde aínda non existe. Así o confirmou onte a concelleira de infraestruturas, Paz Abraira, quen aclarou que corresponde aos propietarios dos terreos que lindan con esta rúa a urbanización dos terreos, que incluiría a construción de beirarrúas, servizos e iluminación. Ademais, a posibilidade de que o Concello adiante os fondos para mellorar a seguridade desta vía é remota ante a falta de fondos para obras municipais.

Comentarios