Lugo queda sen a achega da Xunta para o plan Urban

Interior de la cárcel lucense (Foto: Pepe Álvez)
photo_camera Interior de la cárcel lucense (Foto: Pepe Álvez)

A anunciada colaboración da Xunta no plan Urban de Lugo finalmente non se materializará. A edil de economía, Sonia Méndez, explicou que a anterior Consellería de Economía comprometera unha achega dun millón de euros, pero co cambio de goberno quedou anulada, dixo.

«A achega europea ás catro cidades galegas que obtivemos o Urban en 2008 (Lugo, A Coruña, Ferrol e Santiago) viuse un pouco reducida porque despois engadiuse Vigo, polo que pedimos á Xunta que completara a cantidade e o conselleiro dixera que si, pero co cambio de goberno o trámite quedou interrumpido», explicou.

A edil deu esta explicación tras facer balance do investimento realizado desde 2008 e aproveitou para demandar á Xunta que se implique neste programa de rehabilitación e dinamización do centro histórico lucense. «Estaríamos encantados de que colabore, aínda que dubidamos de que o faga porque nin sequera cumpre co que ten que cumprir, a limpeza da muralla, o centro da romanización, o auditorio...», enumerou.

O Urban lucense está dotado con 14,9 millóns de euros (8 da Xunta, 3 da Deputación e 3,9 do Concello), dos que a día de hoxe investíronse 2,3 millóns en actuacións de revalorización de espazos públicos, como as prazas de San Marcos e O Cantiño; a rehabilitación da piscina romana de Santa María e dun anaco de acueducto en San Marcos, e a instalación de sinalización turística, que leva a cabo lestes días.

Méndez anunciou que a Praza do Cantiño inaugúrase hoxe e en breve abrirase o acceso ao paseo anterior. Tamén hoxe asinarase o contrato coa empresa que rehabilitará o antigo cárcere, unha obra que empezará nas próximas semanas, anunciou.

Ademais de investimento en espazos públicos, o Urban concedeu 418.000 euros para mellora e apertura de comercios e locais de hostalería (creáronse 14 negocios con 39 postos de emprego) e estase utilizando tamén para dar formación a desempregados.

Comentarios