''Lugo non pode seguir perdendo imaxe a pasos axigantados'', di Castiñeira

"Lugo non pode seguir perdendo imaxe a pasos axigantados", asegurou este luns o voceiro do grupo municipal do PP en Lugo, Jaime Castiñeira, en referencia ás últimas revelacións do sumario do caso Pokemon".

"Os lucenses, que somos persoas honradas e honestas, nin nos sentimos respectados nin moito menos representados ante as prácticas no Concello de Lugo que se veñen desvelando nestes últimos anos", engadiu o voceiro popular nunha rolda de prensa, centrada nun dos aspectos coñecidos o pasado venres.

As partes do sumario deste caso de corrupción que se coñeceron o pasado venres apuntan á posible existencia dun documento no que se recollerían pagos a cambio de recualificacións de terreos na cidade de Lugo, "e do que o alcalde e outros concelleiros terían coñecemento segundo algunhas testemuñas".

Para o concelleiro popular, a aparición deste tipo de documentos é "moi preocupante". Tamén considera "difícil de crer que o alcalde volva escusarse dicindo que non era coñecedor destes feitos". "Non pode ser que a cada escándalo xudicial obteñamos a mesma resposta", engadiu Castiñeira.

O voceiro popular, que asegurou que cita as informacións xornalísticas destes días, recordou que este suposto documento de pago estaría subscrito o 17 de agosto de 2005. É, "casualmente, o mesmo día no que a xunta de goberno aproba o convenio de Garañón e outros trámites que supoñían dar luz verde ás torres das costas do Parque".

Castiñeira ironizou con este "urbanismo á carta", no que se actuou con moita dilixencia "nalgúns asuntos", e recordou que o concelleiro de urbanismo daquela era José Ramón Gómez Besteiro, hoxe presidente da Deputación de Lugo.

Comentarios