Tormentas moi caras

As tormentas sáenlle caras á cidade de Lugo. Por pequeno que sexa un vendaval con aparello eléctrico, sempre ocasiona danos na rede de iluminación. Segundo os datos dos servizos electromécanicos do Concello, no caso dunha tormenta media, reparar as desfeitas pode ser cuestión de días e duns cantos miles de euros, pero se se trata dun realmente forte, os traballos poden prolongarse durante un mes e superar amplamente os 12.000 euros.

A incidencia das tormentas nas redes de iluminación empezou a ser preocupante nos anos setenta, cando as redes eléctricas empezaron a crecer e á vez fóronse mellorando os condutores a terra. En Lugo xa se empezaron a implantar medidas protectoras e, por exemplo, utilízanse fusibles desde hai vinte anos, cando realmente non é obrigatorio desde 2002, explica o xefe dos servizos electromecánicos, Antonio Picado.

Con todo, en torno ao 2000 empezouse a ver necesaria unha maior protección e, por iso, en 2001 este servizo municipal iniciou un estudo das tormentas rexistradas e dos seus efectos sobre as redes, o que lle serviu para reducir as desfeitas e asegurar a permanencia da iluminación pública.

O resultado do traballo foi exposto este xoves por Picado e os seus compañeiros Arcadio Seco e José Crucio no XXXV Simposium Nacional de Iluminación que se celebra en Pontevedra.

"Estudamos as tormentas a partir dunha certa intensidade, non as de menor ton. En total, trinta", explica Picado, quen indica que xeralmente veñen producindo dúas tormentas importantes cada ano, habitualmente, na primavera e outono.

Os danos nas redes de iluminación pública pódense producir por dous motivos: o raio pode caer sobre a rede, co cal as desfeitas son inmensos, ou sobre a terra, que é o máis habitual. Cando sucede isto último, xérase un campo electromagnético que se expande polo chan e cóase polas conexións con terra das redes de iluminación. Os efectos son moito menores, pero sempre se producen danos.

Pouco tempo de iniciar o estudo, os servizos electromecánicos xa empezaron a adoptar medidas para reducir o efecto dos raios. Así, calibráronse os fusibles de protección dos centros de mando (hai uns 280 na cidade) e dos aproximadamente 15.000 puntos de luz existentes.

Pero, ademais, neste tempo fóronse desenvolvendo e mellorando outros elementos de protección para os centros de mando denominados descargadores de tormenta. O prezo de cada un oscila entre uns 600 e os 700 euros e o obxectivo é colocalos nun curto prazo de tempo. "Os efectos das tormentas son moitos, polos que a amortización destes elementos será moi rápida", conclúe Picado.

Comentarios