Lugo bateará ouro dentro do programa previo ao Arde Lucus

A fin de semana do 13 ao 15 de xuño, veciños e forasteiros botaranse ás rúas de Lugo para festexar o Arde Lucus, pero a actividade en torno á festa de exaltación da orixe romana da cidade será moi intensa xa dende os primeiros días de maio. En realidade xa comezou este mes, con charlas sobre arqueoloxía nos colexios e obradoiros de vestimenta na Casa da Xuventude, pero dende a primeira fin de semana de maio xa non terá descanso. Entre os días 3 e 4 celebrarase no MIHL o I Encontro de Cidades Augusteas da Gallaecia (Asturica, Bracara e Lucus), con obradoiros de reconstrución histórica e conferencias de arqueólogos de cada unha das cidades.

Será dentro destas xornadas onde os lucenses poderán coñecer como os romanos explotaron as minas de ouro e mesmo poderán batear ouro. Caetra Lucensium e a Asociación Buscadores de Oro colocarán recipientes con area para que poidan batear e levar para a casa pezas case microscópicas de ouro. Caetra tamén presentará outro dos seus proxectos, a elaboración dun censo no que os lucenses se poderán inscribir cun nome romano, e darase a coñecer unha nova asociación de recreación histórica, Mercenarios Galaicos.

Actividades

-Mesa sobre as capitais dos conventos xurídicos de Gallaecia, 2 de maio, ás 12.00 horas no MIHL
-Bateando ouro. 3 de maio, de 17.00 a 21.00 horas, no MIHL
-Presentación do censo romano. 3 de maio, ás 19.00 horas, no MIHL
-Exposición ‘Féminas: As mulleres en Roma’, do 6 de maio ao 29 de xuño, no MIHL
-Portas abertas no balneario de Lugo, actividades na ponte romana e tapas na Ponte, 10 de maio
-Cociña romana, 5, 7, e 8 de maio na Praza de Abastos
-Venda de pan romano, 17 de maio pola mañá na Praza Maior
-Ruta xeolóxica, 10 de maio ás 17.00 horas, diante a Deputación
-Visita polo Lugo romano, 17,18 e 24 de maio, ás 11.00, Praza do Campo
-Xogos romanos, 17, 24 e 31 de maio polas tardes na Praza Madior en Fingoi e Augas Férreas
-Obradoiros de roupa e complementos, ata o 7 de xuño ás
11.00 na Casa da Xuventude
-Conferencias sobre Roma, o 9, 10 e 11 de xuño ás 20.30 horas na Deputación

Consiga AQUÍ la información completa

Comentarios